Pel mudada

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

ANA GARCIA

24 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Gústame moitísimo a política. Como sistema organizativo penso que todos a utilizamos como medio de subsistencia e defensa. A min, as campañas electorais locais fan que me ruborice. En tódolos concellos, desátase unha desbandada de personaxes que ben poderían armar unha comedia curiosa. Candidatos que viven das redes, como auténticos tiktokers, outros que centralizan a súa campaña presentando listas de persoas que lle caen ben, pero sen sustentar o que poden aportar para os seus veciños. Abunda demasiado esa crítica fácil entre contrincantes, ese escarnio innecesario que só trae ridículo nato. Non falemos dos cuestionarios que ofrece este xornal aos candidatos, a cultura brilla en casos pola súa ausencia e preciso se somos escravos da nosa propia ignorancia. Éche boa verdade aquilo que escoitei unha vez na radio: votamos por ideoloxías, ideas, persoas ou partidos. Hai veces, que opino que votamos por inercia, sen ler apenas un programa electoral e logo queixámonos. A política local ha de deixar de ser o alicerce de favores e amiguismos. Estamos fartos de que as melloras só vaian para uns poucos e que existan veciños de primeira, de segunda e de terceira. Os proxectos por mellorar a vida e as infraestruturas non poden quedar nun «xa o faremos, estamos traballando para sacalo adiante». A cultura da cancelación existe, por desgraza no local séguese utilizando e, seguramente por iso, cada vez perdemos máis o desexo de votar. Non é que desestimemos un dereito, é que non temos opcións válidas que sexan atractivas. Quizais sexa eu unha inocente, crea en mundos distópicos ou pode que eu non o fixese mellor. Non obstante, cada día refuso máis desta neopolítica que se basea en relacións públicas, moito ruído e nulos feitos.