A carreira electoral | Entre todos os proxectos para os próximos catro anos, o alcalde destaca o do parque científico e tecnolóxico
25 may 2023 . Actualizado a las 22:16 h.Manuel Muíño (1962), alcalde dende o 2007, é de novo o candidato do BNG en Zas.
—Como leva a campaña?
—Non me colle de sorpresa xa o que é unha campaña. Despois de pasar unhas cantas, a verdade é que é unha experiencia que me gusta porque saes da rutina diaria, tes máis contacto cos veciños outra vez. Para min é agradable
—A novidade é que se presenta o PSOE.
—Paréceme ben porque cantas máis haxe, dentro dun orde, mellor, pero tampouco me preocupou nunca.
—Que destaca destes últimos catro anos?
—Conseguimos varios obxectivos que nós tiñamos marcados, como o tanatorio e a construción da nova praza de Baio. Estes eran dous feitos importantísimos, non de mandato, senón probablemente de 20 anos. Como dicía no mitin en Baio, non creo que se volva a ver unha nova praza destas características, polo menos ata que a vila medre bastante, moito. Pasarán moitos anos. Que dicir do tanatorio que evidentemente non se vai volver a facer outro en Zas. Iso éncheme de orgullo e, ademais, neses dous proxectos estivemos sós, aprobáronse só cos nosos votos. Hai outros feitos que non estaban pensados, pero que ao final estamos a facer como a ampliación da gardería, da Galiña Azul, que xa fixemos ou a reforma dos dous centros médicos, o de Zas, e o de Baio que imos arranxar completamente e amplialo. O que estamos a facer é subvencionar ao Sergas, porque é unha competencia deles. Tamén hai que destacar eses dous anos de pandemia que fixeron moito retraso en todo. Foi un período complicado con moita dor persoal porque moitos veciños faleceron...
—Algunha cousa que lle quedara pendente?
—Si, un pouco o estado das nosas estradas, que son a envexa dos veciños dos concellos do lado. Este ano quizais están un pouco máis deterioradas porque o que estamos a facer agora xa o tiñamos que ter feito o ano pasado. Si que o arrastramos pola pandemia e despois pola guerra de Ucraína. Pero xa están comprometidas e contratadas.
—Que destacaría do programa electoral?
—Nós prometemos aos veciños que imos seguir traballando da mesma maneira, intentando conciliar a vida laboral e familiar das persoas. Acabamos de ampliar a gardería en once prazas sen contar coa Xunta para nada porque pagamos cos nosos cartos. Seguimos facendo actividades para os rapaces e obras para que o Concello avance. O que destacaría, como un proxecto innovador e que non terá competencia, sería a realización do parque científico e tecnolóxico porque é algo que só hai dous en Galicia, Ourense e Vigo, e 51 en España. É un reto moi ambicioso que sería un antes e un despois non para nós, senón para toda a Costa da Morte e temos os recursos económicos para facelo e prometemos que o imos a facer porque non dependemos de ninguén.
A LISTA
1. Manuel Muíño Espasandín
2. Natalia Espasandín Pazos
3. María del Pilar García García
4. Cristina Pardiñas Lorenzo
5. José Manuel Brenlla Castiñeira
6. Manuel García Velo
7. Germán Pérez Freire
8. Pablo Grille Ferreiro
9. Rebeca Facal Fuentes
10. Mónica Suárez Blanco
11. Eloy Manuel Costa Blanco
Suplentes
1. Antonio Ternande Mato
2. Cristina Pardiñas Liste
3. Patricia Fariña Pedrosa
4. Óscar Lema Romero
PREFERENCIAS
- A que hora se ergue? Oito menos cuarto e oito
- Que almorza? Froita, zume, café, torrada...
- Prato preferido Fideos, con ameixas, polo...
- Que non comería? Insectos
- Bebida preferida Cervexa e viño tinto
- Equipo de fútbol O Baio, o Zas e o Deportivo
- Que coche ten? Renault Laguna
- Unha afección O ciclismo
- Un lugar A praia de Arnado en Traba
- Unha rede social? Facebook
ARTES E LETRAS
- Escritor/a favorito Celso Emilio Ferreiro e Goytisolo
- Último libro que leu Todo arde e Ollos de auga
- Última película que viu Apocalypse Now
- Un/a artista Picasso
- Un actor Marlon Brando e Luis Tosar
- Unha actriz Lauren Bacall e Penélope Cruz
- Un/a cantante ou grupo Antía Muíño
- Tipo de música A de calidade. Mesmo o rap
- Deporte que practica O ciclismo
- Unha viaxe pendente Ao Machu Pichu