Francisco Menéndez: «Deseñamos como queremos que sexa a nosa mobilidade nos vindeiros anos»
CARBALLO
ECOVOZ | O director da Axencia Galega de Infraestruturas fíxase no transporte público e nos desprazamentos peonís e en bici
30 may 2023 . Actualizado a las 18:11 h.Máis zonas para peóns, reducir a velocidade dos vehículos, fomentar o uso do transporte público ou agrupar desprazamentos. A mobilidade sostible pivota sobre múltiples elementos e eses son algúns deles. A aposta da Xunta de Galicia por esa dimensión é clara e apoiase, segundo sinala o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na Estratexia Galega de Mobilidade, «un documento que estamos tramitando, resumo das materias que a Xunta está a promover nesta materia, e que actúa como paraugas de todo».
—Que recolle ese plan?
—É unha estratexia que, como non pode ser doutro modo, é sostible. O que fai é abordar todos os puntos de vista que hai na mobilidade. Porque cando se fala disto hai moitas cousas, dende os vehículos que circulan polas vías ata os nosos propios desprazamentos a pé ou en bicicleta ou como configuramos as cidades e as vías de comunicación. O que facemos é desenvolver diferentes ámbitos de actuación e para iso contamos con mellores ferramentas. Con elas deseñamos como queremos que sexa a nosa mobilidade dos vindeiros anos. Este documento foi sometido a exposición pública, recibimos achegas e agora estamos analizándoas para aprobalo definitivamente. En definitiva, o plan recolle as experiencias e a aprendizaxe de todo o traballo, por exemplo, en materia de sendas peonís e ciclistas que recollemos baixo o nome de Plan de Sendas de Galicia. En principio era só para acompañar as estradas de titularidade autonómica, pero estamos estendéndoo coas axudas dos fondos Next Generation ás distintas cidades galegas.
—Que tipo de desprazamentos propoñen?
—Unha mobilidade sostible o primeiro que ten que pensar é canto nos movemos. A pandemia foi un punto disruptivo para os nosos puntos de vista, entre outras cousas, sobre a mobilidade. Coñecemos mellor o teletraballo, hai cousas que podemos facer a distancia e do primeiro é saber canto necesitamos realmente desprazarnos e se a Administración pode facer algo para que non sexa tan necesario facelo. O fomento do teletraballo é unha acción e achegar os servizos ás persoas outra. Ás veces reflexionamos sobre se abrir un centro de saúde próximo é mellor que abrir unha senda porque así evitase ter que facer unha obra e achegase ese servizo ás persoas. Despois, considerando a mobilidade como un dereito, hai que fixar cales son os medios para desprazarnos. O que propoñemos é poñer na base a mobilidade activa, os desprazamentos peonís e ciclistas. No relativo ao o transporte público, que a oferta sexa mellor en tempo e distancia ao vehículo privado. E, por último, que estes sexan sostibles ou de baixas emisións.
—A Consellería de Infraestruturas vén de reclamar a transferencia de 28 millóns de euros dos Next Generation para iniciativas de mobilidade sostible. Que proxectos valoran?
—Orientámonos cara tres liñas de actuación. Unha delas é a mellora de paradas de autobús nas estradas autonómicas para o transporte interurbano. Abordámolo dun modo diferente porque, o que facemos, é coller un número moi importante de paradas e mellorar a funcionalidade e seguridade para fomentar o seu uso. A segunda é a dos aparcamentos disuasorios para uso de vehículo compartido ofrecendo espazos para que a xente que se desprace entre localidades poida deixar o seu coche e compartir con outros para aforrar desprazamentos. E, a última, é a execución de sendas que chamamos metropolitanas, demostrativas de que nas cidades se pode usar a bicicleta e facer desprazamentos a pé con infraestruturas específicas.