Eduardo Parga: «Poño en dúbida esa liña vermella do PSOE e o Bloque con Cañizo»
CARBALLO
Alcalde en funcións de Malpica, di que as conversas con AIM «van polo bo camiño»
05 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Ten 57 anos e na actualidade é un dos políticos máis veteranos da Costa da Morte. Foi alcalde de Malpica en dúas etapas diferentes: 2011-2019 e 2021-2023. Agora, Eduardo Parga Veiga trata de manter o bastón de mando cun novo pacto con Alfredo Cañizo Garrido (AIM).
—Como valora os resultados acadados o 28 de maio?
—Volvemos a ser a forza máis votada, algo que nos parece positivo e que é de agradecer. Os veciños e veciñas de Malpica avaliaron a opción do Partido Popular. Pero tamén é certo que houbo moito voto fraccionado e que apenas houbo traspase de votos entre partidos, porque os números finais apenas variaron con respecto ao 2019.
—Cre que os 134 votos acadados por VOX impediron dalgunha forma a maioría absoluta do PP?
—Persoalmente creo que si porque a maior parte deses votos terían que ir, en principio, para o Partido Popular. Con eses 134 votos, ou coa maior parte deses 134 votos, teriamos esa opción de acadar a maioría absoluta.
—A lista do PP é unha aposta clara pola continuidade, con vostede, Noelia, Miguel e Marisol nos primeiros catro postos da candidatura.
—Apostamos pola continuidade, pola experiencia e por persoas que están a facer un bo traballo dende hai anos no Concello de Malpica. Despois, a renovación vén por xente nova, pensando no futuro e en clave de relevo.
—O PSOE e o BNG xa deixaron claro por activa e por pasiva que non ían pactar con Alfredo Cañizo. Iso facilita, en principio, o acordo PP-AIM.
—O que necesita Malpica é un goberno estable e, para iso, precísase dunha maioría. Así o decidiron os veciños e as veciñas este pasado domingo cos seus votos. Pero esa suposta liña vermella do PSOE e o Bloque con Cañizo vai permitirme que a poña en dúbida.
—E iso?
—Hai catro anos díxoseme o mesmo e ao final eles gobernaron e eu funme para casa. Moitas veces, o que un pretende facer non é o que finalmente fai. Porque estas decisións políticas non son persoais, son de partido ou da propia agrupación local. O que está claro é que eu entendo o goberno municipal como algo estable, e iso pasa por un pacto entre forzas.
—Explorou o PP a opción de gobernar en minoría sen contar con Alfredo Cañizo?
—Non. Agora mesmo esa opción está descartada. Esta cuestión xa se puxo enriba da mesa en maio de 2019 e ao final houbo tripartito. Quen me di a min que esa opción non se pode volver a dar nesta ocasión? O BNG e o PSOE, como partidos políticos, falaron de non pactar con Cañizo? Non. Non o fixeron. Eu non teño porque crer o que digan Walter [Pardo] e Miguel [Varela]. O que intentaron no 2019 e conseguiron foi quitarlle a alcaldía ao PP e, agora, tamén o intentarán, porque non hai maioría absoluta. Téñoo claro.
—Vamos, que non se fía dese suposto veto a Cañizo por parte do PSOE e do BNG.
—Isto é política, e eu non teño porque crerme o que din no PSOE e no BNG porque iso mesmo xa o sufrín hai catro anos e ao final o Partido Popular foi para casa.
—Empezaron xa as conversas con AIM para reeditar o pacto de goberno?
—Eu xa mantiven conversas con Cañizo, si. Non hai nada pechado, pero, en principio, van ben. Comprenderá que non vaia falar de cousas, moitas das cales aínda están sen resolver.
—É optimista?
—Si, en principio si. Pero repito, queda moito aínda por falar. As eleccións foron hai cinco días.