No libro de Bauman En busca da política di que «na actualidade unicamente podemos albergar dúas certezas: que hai poucas esperanzas de que os sufrimentos que nos produce a incerteza sexan aliviados e que só nos agarda máis incerteza». Así que, de ter razón, mellor será que busquemos acubillo existencial nun mundo de dúbidas que poidamos instrumentalizar para non correr o risco de malvivir nun estado de esquizofrenia permanente. Hoxe, en certas dialécticas partidistas xa non se fala de dúbidas razoables. O que se practica é embarrañar ben o campo para que o cheiro atufe ata os que sofren de anosmia. Unha mágoa para xente coma min que defendemos con paixón a política como instrumento imprescindible de convivencia. E non insisto na obriga de facer pedagoxía recomendando participar para defender o sistema de liberdades democráticas. Se nos centramos na campaña electoral veremos que daquela frase contundente «es la economía, estúpido» pasamos, como nun pesadelo, aos versos de Machado que dicían: «Una de las dos Españas/ha de helarte el corazón». (O de dúas corresponde a diferenzas ideolóxicas non xeográficas. Aínda que tamén se di que hai tantas Españas como españois). Cando revisamos os temas nos que certos candidatos centran o seu discurso dan ganas de emigrar a unha illa deserta. Contrastemos reforma laboral, soldo mínimo, cobertura social ou dereitos humanos, con esa cantarela da defensa sectaria da suposta rectitude que só ten a privilexiada «xente de ben». É un dilema bastante sinxelo que vostedes deben valorar. As balanzas trucadas existiron sempre, non as inventaron nin Trump, nin Abascal, pero supoño que algo teremos avanzado para saber detectalas a tempo.