Obrigas

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

21 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois si, se a palabra máis utilizada nesta campaña electoral foi «dereitos», eu, pola contra, falarei das obrigas. As que temos connosco e coa sociedade na que vivimos. Eu xa teño decidido o meu voto e podería, como fan tantos articulistas, defender unha postura determinada, mais non lles pedirei que voten a ninguén en concreto. O que lles rogo é que o fagan con conciencia, non por unha arroutada. Sopesen con mesura o que se fixo ben e tamén os erros, fagan memoria doutras épocas, pasen ese algodón que descobre onde se esconde o lixo, (e dicir: as verdades, medias verdades, mentiras a medias e mentiras ditas con intención clara de enganar). Creo que non é moi esgotador se pensamos que nos próximos catro anos van gobernar os que nós, en conxunto, decidamos. Sexamos serios. Calibremos ben a quen lle damos a nosa confianza. Vostede ten capacidade de contrastar, se quere, o que fan e fixeron uns e outros. A nosa obriga é participar, non queixarse despois. Aínda que, por suposto, tamén pode. De aí que o importante sexa participar. Ir votar. Ao que cada quen decida. Eu só pido que reflexionen, que comparen o que se fai e o que se fixo, o que se di por dicir, por enganar. O seu voto é soberano. Pero non poden xogar con todas as cartas na man. É unha obriga facelo con coñecemento, ética e responsabilidade. Temos moitas cousas por gañar, pero tamén moitas por perder. E non se esquezan dos dereitos. Parece que eses veñen na xenética humana, mais se fan un repaso da historia da humanidade, conquistar os que temos custaron sufrimentos e moitas vidas. Eu non quero volver a estar noutra lista deses cincocentos que tiñamos que ser aniquilados. Desculpen que sexa tan directo. Sexan libres, voten con coñecemento. Por favor!