A desmemoria

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

25 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai unha persoa que foi decisiva na miña vida, implicándome nos valores implícitos de toda persoa de ben, foi meu avó, que máis que avó foi o pai que nunca tiven. Hai dous meses marchou para privarme dos seus  aloumiños, por diante unha enfermidade que o foi consumindo ate o último momento: o alzheimer.

O 21 de setembro conmemórase o seu día. Cústame ás veces recordar como era meu avó antes da enfermidade, quizais ese aspecto sexa o máis duro de todo o periplo vital que supón para os coidadores. Algo que como sociedade obviamos é que o alzheimer é unha enfermidade terminal, aínda que sexa a longo prazo e aínda que moitos enfermos morran por outras patoloxías asociadas. Hai moitos máis síntomas máis aló da perda de memoria: o nerviosismo, a desconfianza, os ataques de medo, o insomnio constante. Meu avó pasou os seus últimos anos cunha calidade de vida moi ínfima, respirando pero non vivindo. A última etapa é a máis difícil, cústame non emocionarme ao escribir estas liñas. Cando chega o final, impera o silencio. Acábanse as frases repetitivas e xa non falan. Esquecen camiñar e deglutir alimentos. Inxerir un vaso de auga convértese nunha odisea e comeza a alimentación complementaria. Resulta tremendamente difícil ver apagar a vida de alguén a quen amas e non poder facer nada. Como me dixo unha doutora, intentando insuflarme consolo, a vida é un ciclo e no final volven a ser coma nenos, pechando así o círculo.

Non todos os pacientes que sofren alzheimer chegan a este punto tan crítico, depende do deterioro cognitivo e da velocidade ca que avanza a enfermidade. Vivimos nunha sociedade tan hedonista que  buscamos alongar a esperanza de vida pero non sabemos a que prezo, nin buscamos alternativas. Non hai fondos suficientes para chegar a ter ensaios clínicos esperanzadores.

A min quédame o respiro de ter feito canto puiden por el, de collelo da man cada vez que puiden, ata o último intre. Por el e só por el, cambiei de estudos e estou en segundo de Psicoloxía. Todo para que un día poida coller da man a outros.