Concluída a campaña arqueolóxica, estudaranse medidas de conservación deste dolmen de Vimianzo
29 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A recente campaña arqueolóxica levada a cabo no dolmen de Pedra Cuberta non puido ter mellor desenlace: as pinturas descubertas hai noventa anos por dous alemáns están en boas condicións, a pesar dos séculos, das inclemencias do tempo e da mala praxe humana. Excelentes noticias e unha nova xoia patrimonial da que poderá presumir o Concello de Vimianzo. Xa o era ata o de agora, pero os recentes achados non fan máis que ratificar a singularidade deste megálito.
A campaña realizouse en dúas fases: a primeira, unha sondaxe no exterior da cámara para verificar a existencia ou non de coiraza e o estado do túmulo, e a segunda, a escavación dos depósitos máis recentes no interior do corredor e da cámara para chegar ao nivel que no 1933 observaron os Leisner. O obxectivo: deixar á vista as pinturas.
Identificáronse, segundo informa o Concello, 26 depósitos diferentes que contiñan materiais tanto recentes como prehistóricos, destacando especialmente dúas puntas de frecha e hematitas, «óxidos de ferro que empregaron para as pinturas», indica o consistorio.
Moi boa técnica pictórica
Onte, logo dunha visita guiada na que participaron mesmo escolares, a Casa da Cultura acolleu unha conferencia na que se presentaron as conclusións das escavacións, conducidas por Fernando Carrera (que dirixiu a charla), Lino Gorgoso e Ramón Fábregas.
A modo de resumo, explicouse que a técnica pictórica empregada en Pedra Cuberta é moi boa, que moitas das figuras se cubriron de liques e algas, ocultándose e agredindo a pintura; que os restos localizados agora coinciden, en xeral, cos documentados polos Leisner; que seguen existindo as cores vermellas e negras e que se estudarán as diferentes fases de aplicación da pintura para coñecer con máis detalle o seu contexto. Tamén se analizarán posibilidades de conservación.
No acto de clausura, que tivo lugar antes da conferencia, participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e varios representantes do goberno local. Penas congratulouse da presenza de nenos pequenos na visita guiada: «Temos a obriga de crear conciencia non só para poñer en valor todos os tesouros que temos na provincia, que son moitos, senón para conservalos», dixo.
A rexedora, pola súa banda, amosou a súa ledicia porque unha das integrantes do equipo arqueolóxico que traballou en Pedra Cuberta, Eva Olveira Ramos, é vimiancesa, máis concretamente de Pasarela, a que é tamén a parroquia natal de Mónica.