Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) | Crítica a propósito de «La comedia de los errores», de Festival de Teatro Clásico de Mérida e MIXTOLOBO
02 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Gústame todo tipo de teatro, pero quero aclarar desde un principio que non todo por igual. Eu son máis de drama, filosofía e misterio, que de comedia de enredo. De seguro que son manías miñas. Vostedes tamén terán as súas. Ninguén se libra, penso. A guinda do pastel do FIOT 32 resultou ser unha enorme tarta adornada con lazos de cor rosa, como esas que poñen nas vodas americanas. Xa saben, todo ouropel, extravagante, colorido, chistoso, musical. Unha especie de exorcismo para tantas penas, penurias e intransixencias que vivimos este outono no que por fin choveu a cachón (como ben di a miña presentadora do tempo favorita na TVG, Noelia Rodríguez, que parece que ri cando ameaza unha borrasca ciclónica explosiva). O caso é ter algo que contar que hipnotice ao público. Que entre, por favor!
Aquí hoxe falamos dun espectáculo para divertirse. Ese tipo de obra que, se pensas ir vela, tes que saír da casa co sorriso posto nos beizos. Os actores están de vicio, encantados de facer pasar ao espectador por unha especie de centrifugadora revolucionada na que nada é o que parece. Teñen tanta axilidade que se fan donos do noso tempo someténdonos, dominándonos, ao ritmo que eles caprichosamente marcan.
A verdade é que Andrés Lima, estupendo director do que desfrutamos tanto con aquel Montaplatos de Harold Pinter en 2012, utiliza este texto do autor catalán Albert Boronat para rirse de Plauto, de Shakespeare, e de nós tamén, con esta adaptación tan despreocupada e libertaria. Con todo dereito, claro. A creatividade por riba de todo. Iso esperamos e queremos que os artistas de verdade nos ofrezan. E esta obra descorre nun espazo aberto e libre no que calquera pode ser o que lle pete.
Un mundo de travestismo interpretativo que, como bos profesionais, empezando por Pepón Nieto (excelente en todos os roles que representa), e seguindo con Fernando Soto (que xa estivo en Carballo con aquela estupenda, Maridos y mujeres), Rulo Pardo (parte da extensa familia FIOT con Sexpeare), Antonio Pagudo, Avelino Piedad e Esteban Garrido, amosan divertidos e gozosos.
E aínda que eu poda resultar un chisco revirado, o meu veciño de butaca, como a maioría dos espectadores, riron ata escachar. Algo que me agrada sinceramente. Como di o refrán, a festa vai por barrios, e a min faime feliz ver un teatro cheo de xente, con gustos diversos polas paisaxes, que quere pechar un FIOT, marcado polas traxedias, botando unha chea de gargalladas despreocupadas. Estamos no teatro. No ano 32. E virán máis anos e outras obras, temáticas actuais ou revisións historicistas, boas, regulares e malas interpretacións, e aquí seguiremos, (de seguir respirando), contando libremente un parecer que non deixa de ser unha visión persoal, pero que sempre facemos por amor a ese universo escénico, intentando destripar o que esconde a tremoia teatral. Longa vida ao teatro, ao FIOT e ao público inquedo que o fai posible!