A morte

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

03 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tranquilos, non vou escribir sobre o Día de Difuntos, (tan necesitados de conversas interiores), nin das cifras que aparecen nos xornais de tantos inocentes que morren por culpa da barbarie humana. Guerras e destrución parecen actos conxénitos á nosa existencia. O caso é que estaba repasando os datos do saldo vexetativo en 2022 na Costa da Morte, e son tan preocupantes, tan negativos, que asustan. En ningún concello, desde Fisterra ata Carballo, hai máis nacementos que decesos. De feito, en conxunto, estes últimos dobran aos primeiros. Si, é certo que en Cee, A Laracha ou Carballo crecemos lentamente en poboación, pero non por nacementos senón por xentes doutros lugares que cambian de residencia. E dicir, a costa de que outros concellos mingüen gota a gota. Os motivos son variados: envellecemento da poboación, emigración dos que están en idade de procrear, falta de axudas económicas para as familias, carencia de traballo e de perspectivas de futuro... E as consecuencias son coñecidas: territorio ermo e baldío. A Costa da Morte vai costa abaixo. O triste é que a Xunta, que ten capacidade para facer políticas de choque contra este problema non está polo labor de tomar este problema en serio. Publicidade moita e boas palabras tamén. Feitos poucos. E seguramente os concellos poden esforzarse un pouco máis, por moi escasos que sexan os seus medios económicos. E desde logo que algo de imaxinación creativa non viña mal. Estes días estaban os cemiterios preciosos, cheos de flores frescas e lápidas impolutas, mais é posible que en pouco tempo, de seguir con este saldo vexetativo, estaremos todos mortos e as nosas tumbas comidas polas silveiras por non ter quen nos leve un crisantemo.