O responsable de deportes do Concello de Carballo analizou en Radio Voz os retos para este mandato e valorou o traballo dos clubes
16 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Daniel Pérez ligou o pasado mes de maio dúas das súas paixóns ao converterse no novo concelleiro de Deportes de Carballo. «Levo toda a vida na política e sempre optei polo ámbito local», explicou en Voces de Bergantiños, de Radio Voz, o tamén deputado do BNG no Parlamento de Galicia, que xa estivera no pleno carballés como concelleiro de Normalización Lingüística hai anos.
—¿Que importancia ten o deporte na súa vida?
—Mameino dende pequeno na casa porque meu pai xogou no Bergantiños e no fútbol da Costa. Era Orlindo, pero no Buño gritábanlle ‘‘¡Rulindo! ¡Rulindo!''. Eu ía aos adestramentos con el, porque o primeiro contacto co deporte antes sempre era no fútbol. Logo probei baloncesto e volvín ao fútbol. Probei no Bergan e xoguei no Coristanco en xuvenís. Non obstante, a que máis gocei foi a etapa do Independiente, nas peñas. Empezamos levando malleiras e acabamos sendo campións de copa e liga. Agora, sobre todo salgo a correr e fago surf, que me permite unir deporte e mar.
—Quen comece agora a practicar deporte en Carballo, xa ten moito máis que fútbol...
—A situación cambiou moitísimo. En Carballo abriuse tremendamente o abanico deportivo. Pode haber deportes minoritarios, pero que teñen que ser tratados ca mesma atención dende as institucións e iso creo que se conseguiu. Podes xogar ao xadrez, balonmán, hockey sobre patíns, voleibol, ciclismo...
—Tantas disciplinas obrigan a grandes espazos loxísticos. A semana pasada tiveron unha reunión coa comunidade da Cristina para coñecer a súa opinión sobre a posibilidade de construír alí un novo pavillón. Como foi?
—O de que fai falta un novo pavillón é unha obviedade. Así que dende o goberno puxémonos a buscar cales poderían ser as mellores localizacións. Por iso de completar o mapa que de colexios que contan cun polideportivo que poidan aproveitar os alumnos, pensamos na Cristina. Presentámoslle esta proposta, pero houbo unha parte importante que se manifestou en contra, así que xa pensamos noutros lugares.
—Cales son eses lugares?
—Pódoche dicir que son tres, pero non cales son porque aínda estamos decidíndoo. Será, seguro, na capital municipal, porque consideramos que aquí está a maior demanda e, polo tanto, a gran necesidade.
—Sexa onde sexa. Será realidade pronto?
—Temos previsto incluílo nos orzamentos do ano que vén. Loxicamente, nós temos unhas posibilidades limitadas e hai que atender a outros moitos temas. Un pavillón, ademais, custa moitos cartos. Pero para o ano que vén estou seguro que teremos unha obra con vistas a mellorar a práctica do deporte.
—Imaxino que sería un dos obxectivos cando aceptou esta responsabilidade en Deportes.
—É un obxectivo do Concello o de universalizar a práctica do deporte. E aquí teño que darlle moitos méritos a Marcos Trigo. O protagonismo sempre recae nas asociacións deportivas e nós temos que acompañar. Así fomos medrando e nos últimos anos houbo un incremento de fichas brutal, sobre todo no polideportivo e no ámbito feminino. Que ese si que é un obxectivo que me marquei: darlle moita visibilidade ao deporte feminino. É moi importante para avanzar nun valor como o da igualdade. Só hai que ir velas xogar. O Bergan, por exemplo, xa ten moito nivel e iso débese a unha evolución de oito ou nove anos que xa provocou que outras moitas nenas lle quixeran pegar patadas ao balón. Esa é a liña.
—Ao Bergan, precisamente, van premialo ca medalla de ouro.
—É unha forma de premiar a todo ese traballo que hai detrás de cen anos de existencia. Que hai moi poucos equipos que cheguen porque é moi complicado. Ademais é unha efeméride que di moito de como se incrustou na sociedade local. O Bergantiños apórtalle moito a Carballo e Carballo apórtalle moito ao Bergantiños. É raro o veciño ou veciña de Carballo que non teña unha conexión directa ou indirecta co Bergantiños. Xa sexa por un pai, un primo, unha sobriña...
—Sorprendeulle algunha disciplina estes meses?
—Diría que o crecemento do voleibol, que agora ten un número de licencias brutal aquí. Di moito do traballo que hai detrás. O do Lubiáns, tamén, velo competir en Prata é un fito histórico. É a entidade que máis arriba estivo do noso municipio. O Sysca é outro exemplo, cos anos que leva xa e con todos os éxitos. Ou o pádel, por non ir a máis clubs. Carballo converteuse en referencia nesta disciplina. Non obstante, máis alá de resultados, ségueme entusiasmando a dispoñibilidade de todas esas persoas que traballan sen cobrar para sacar adiante clubs e asociacións.
—O modelo a seguir é investir nas bases?
—Por suposto, ademais de por todos os valores que transmite o deporte, porque é a forma de garantir a saúde do club no futuro. Profesionalizando ese traballo ca canteira e coidando aos adestradores e adestradoras, sempre dentro do que se poida a nivel económico. Así os rapaces e rapazas entenderán a importancia do que están facendo.