Temperanza

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

El líder del PP, Núñez Feijoo, felicita al reelegido Pedro Sánchez
El líder del PP, Núñez Feijoo, felicita al reelegido Pedro Sánchez JAVIER LIZÓN | EFE

17 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É dicir, ter capacidade para moderar os propios instintos, desexos ou paixóns. Actitudes difíciles de controlar. Miren para Trump ou Bolsonaro, que foron quen de trasladar as propias ansias de poder a hordas descontroladas, que asaltaron os templos democráticos, na crenza de que lles estaban a roubar unha liberdade que nunca perderan. E sen ir tan lonxe estamos a sufrilo estes días de odio visceral en Madrid, e por extensión contaminante noutras localidades. Os excesos verbais, e falta de mesura, á que chegan certos políticos poden causar desgrazas das que teremos que lamentarnos (esperemos que o sangue non chegue ao río). A manipulación da opinión pública nunca é un método exemplar, pero aínda é máis detestable cando se utiliza para atizar as brasas da fatalidade allea, o resentimento, a hostilidade, o rancor e a rabia, porque sempre teñen consecuencias pouco edificantes. Só existen solucións placebo para problemas complexos nas tabernas, despois do segundo ou terceiro viño. A realidade social nútrese de conflitos permanentes para os que a boa política vai aplicando ungüentos que, se non curan para sempre, evitan que se gangrenen. Arengar contra a lexitimidade das maiorías parlamentarias é a única ameaza que ten o sistema democrático. Por moito que poida incomodarnos, todos os votos son igual de soberanos. E as maiorías han de respectar as normas fundamentais que permiten a convivencia. Cando se publique este artigo teremos un Goberno lexítimo votado pola maioría de deputados. E a oposición poderá fiscalizar as políticas que pretendan aplicar. Os que falan de golpe de Estado e ditadura só pretenden alporizar e inquietar a unha poboación que xa vive na incerteza permanente por cuestións vitais cotiás bastante máis preocupantes.