Manu Núñez: «Pode que teñamos máis nivel, pero hai que demostralo os domingos»

CARBALLO

basilio bello

O centrocampista analiza o inicio de curso xusto antes de medirse ó Arousa

19 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A fichaxe de Manu Núñez (A Coruña, 1998) foi un deses anuncios que reflectiu ben a forte aposta do Bergantiños de cara a esta tempada. O centrocampista, que a semana pasada recolleu en Madrid o premio que o coroaba como mellor xogador da Terceira galega o pasado curso, cando vestía a camiseta do UD Ourense, semellaba carne doutra categoría. Pero elixiu ao Bergantiños e dende ben pronto convenceu a Secho Martínez, que o incluíu como titular en cada unha das dez xornadas que van de liga A súa calidade, o seu manexo dos tempos do partido e a visión de xogo son os seus grandes baluartes para dirixir aos rojillos dende o centro do campo. Hoxe, en A Lomba (17.00 horas) sabe que poderían dar un golpe enriba da mesa.

—É o partido máis importante do que vai de tempada?

—Ao comezo da liga seguro que moitos pensaban que si, porque somos dous dos favoritos. Pero ao final ves que todos valen o mesmo e teñen a mesma importancia, porque se houbésemos gañado algún dos que non tiñan tanta repercusión como este xa estariamos primeiros.

—En partidos como o da semana pasada contra o Sarriana, credes que debiades ter feito máis?

—Está claro que todos somos conscientes que se fixésemos as cousas mellor teriamos gañado o partido, pero hai que comezar por ser máis autocríticos e ter claro que temos que merecelo máis. Pode que teñamos máis nivel, pero iso hai que demostralo tódolos domingos. Por iso creo que contra o Arousa, se gañamos dunha forma convincente será moi importante para continuar cunha dinámica boa.

—Por que elixiu o Bergan?

—Principalmente porque o meu obxectivo individual é o de conseguir o ascenso á Segunda Federación e levo uns anos perseguíndoo. Creo que das posibilidades, o Bergan era o que máis capacidade tiña para isto.

—Xogou no Polvorín, Somozas, UD Ourense e este ano en Carballo. Nota unha Terceira distinta a outras tempadas, con máis candidatos?

—Penso que cambiou moito dende que se creou o novo sistema con Segunda Federación e Primeira Federación. Aí creo que perdeu nivel a categoría e que se vai ir recuperando co paso dos anos. Aquel ano estaban Bergan ou Arenteiro, que eran dous claros proxectos para ascender. Agora hai varios: nós, Rápido de Bouzas, UD Ourense, Arousa... E a iso hai que engadirlle equipos como o Alondras ou o Silva, que están aí arriba, ou filiais como Celta C que sempre van competir ben. É certo que está todo moi igualado.

—En dez xornadas, tes xogado no doble pivote e de interior. Onde te sentes máis cómodo?

—Pois en función do sistema, pero creo que estou máis cómodo de interior, cun pouco máis de altura que o pivote. Aínda que con Álex Lorenzo, por exemplo, como el sabe gardar ben a posición, tamén me podo soltar e mover entre liñas.

—Agradecen xogar en campos como A Lomba?

—Está claro. Ao noso xogo, o céspede de As Eiroas non lle vén nada ben. Aquí é o momento de non escondernos e de poder dalo todo.

—Hai algún compañeiro que o sorprendeu?

—Ao final coñecía a case todos, porque levo anos xogando contra eles. Teñen moito nivel, pero non me sorprenderon. O que si podería dicir que me sorprendeu foi Álex Lorenzo, que ao final ten 20 anos e viña dun equipo de media tabla. Está dando unha regularidade tremenda.