O mar na miña música

Juan Durán Alonso

CARBALLO

ANA GARCIA

En primeira persoa | Escribe o prestixioso compositor Juan Durán | A Costa da Morte resulta emblemática e unha constante como referente creativo

03 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Para un compositor nacido ao carón da ría de Vigo e que levou despois 60 anos mirando cara ao Atlántico coruñés, o mar tiña que ser necesariamente unha parte esencial do meu mundo sonoro. Porque os sons do mar, e os dos seus habitantes, arrástrannos á nosa orixe, ao útero materno, ao canto dos nosos antepasados. Nomeadamente, a nosa Costa da Morte resulta emblemática e unha constante como referente creativo. De feito, a miña obra máis representativa xorde ao redor de Fisterra e o seu entorno. Trátase da Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz, unha cantata para solistas, coro e orquestra, estreada no 2001 no Pazo da Ópera da Coruña para conmemorar o cambio do milenio. Dela dixo o recordado Antón de Santiago nas notas ao programa de man do concerto que «amosa o alento lírico e o sentimento universal dun pobo que se nutre dun manto verde de zumarento humus que, a través dos seus mil ríos, desexa a inmensidade do mar». País das terras verdes que van morrer ao mar era o primeiro dos 96 versos alexandrinos que escribiu o noso gran poeta Miguel Anxo Fernán-Vello.

«Sonata Leviatán»

Mais esta cantata non foi a primeira referencia mariña na miña obra, pois en 1986 xurdira a miña Sonata Leviatán, escrita para frauta e piano, onde tratei de debuxar musicalmente o canto da lendaria balea. Moito se ten investigado o por que deste canto submarino. As baleas son seres tremendamente sociais que, do mesmo xeito que o ser humano, cantan para expresar os seus sentimentos. O canto é así algo anterior á nosa especie, o medio ancestral para comunicarnos. Xa dende os tempos máis remotos, os mariñeiros confundiron os sons das baleas cos das sereas e, do mesmo xeito que Ulises, pensaban que podían quedar enfeitizados polos seus cantos. Hai lendas irlandesas e inglesas que fan referencia á presenza de sereas ao longo das súas costas. Mesmo Cristóbal Colón dixo divisar tres destas criaturas fronte ás Antillas, e outros expertos navegantes e exploradores fan referencia a estes seres nos seus cadernos de bitácora.

Caderno de Bitácora de Valentín Paz Andrade foi outra cantata escrita en 2012, por encargo do Consello da Cultura Galega para conmemorar o Día das letras galegas, dedicado ese ano ao escritor pontevedrés. Collín versos de Sementeira no vento e de Canto matricial para, como dixo o musicólogo Luis Costa nas súas notas ao programa de man, ilustrar musicalmente «tres singraduras para unha viaxe que vai do máis concreto, os lugares da diáspora da Rosa dos Ventos ou os das ribeiras da terra propia, á lembranza do sono truncado da Galicia de Castelao; e de aquí, novamente ao espazo sen tempo do vento, e do mar». O caderno de bitácora é, como sabemos, o lugar onde se anotan meticulosamente as incidencias da navegación: rumbos, velocidade, distancias percorridas, ventos, circunstancias atmosféricas, situación de accidentes orográficos descoñecidos... Por extensión, memoria do tempo vivido, do tempo soñado.

Juan Durán, nunha imaxe que lle foi tomada no 2008, na Coruña
Juan Durán, nunha imaxe que lle foi tomada no 2008, na Coruña CÉSAR QUIAN

Repasando o meu catálogo atopo tantas e tan variadas referencias ao mar que non podo deixar de subliñalas. Os meus arranxos da Cantiga de Chané con versos de Curros Enríquez: un cadavre no fondo do mar, ou da María Soliña de Paz Valverde a partir do poema de Celso Emilio Ferreiro: As ondas do mar de Cangas acedos ecos traguían; a emblemática canción Sos con versos de Manuel Antonio: Fomos ficando sós, o mar o barco e mais nós; a Romanza camariñana que escribín para cello e piano a partir do célebre Alalá de Camariñas, e a miña premiada obra sinfónica Catro elementos, onde a auga é musicalizada coa cadencia ascendente e descendente das escalas, imitando o movemento rítmico tan característico do ir e vir das olas. E non podo deixar de mencionar outra obra referencial no meu catálogo: Pórtico da illa de Monteagudo, abertura para arpa e orquestra, composta no ano 2014 como homenaxe ás Illas Cíes, tan próximas á miña cidade de orixe, como distantes, xeográfica e sentimentalmente, ao mar do Orzán, que me acolle de cotío.

Debussy e Wagner

O mar sonoro, o mar cantado: a música das buguinas, das baleas e das sereas. Adormentador, inquietante, bravo, como unha sinfonía atlántica. Tan potente como melancólico, tan doce como estridente rompendo contra as rochas. O mar que encandilou a Debussy e a Wagner; o noso mar de Galicia, o das areas e o das profundidades. Todo vén e volve ao mar, levando con el a súa música.

DNI

Juan Durán Alonso (Vigo, 1960). É autor de obras de música de cámara, vogal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. Foi Premio da Cultura Galega no 2013 e Premio Reina Sofía de Composición no 2018. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes e da M. I. Academia de la Música Valenciana.