Unha nena do CEIP de Baio Labarta Pose gaña o vixésimo certame Contos de Nadal

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Sara Fernández Santos escribiu a historia máis valorada polo xurado

10 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sara Fernández Santos, alumna do CEIP Labarta Pose de Baio, vén de proclamarse vencedora do vixésimo certame literario Contos de Nadal, promovido por La Voz e Radio Voz co patrocinio de EDP Renovables e Fundación EDP. Fíxoo co seu relato Enriquiño, o riquiño, que resultou ser o máis valorado por un xurado que estivo integrado polos docentes retirados Ricardo Vigueret e Emilio Roca, polo sociólogo Santi Pazos e polos xornalistas Xosé Ameixeiras e Patricia Blanco, en representación deste medio.

Por segundo ano consecutivo, unha estudante do centro baiés Labarta Pose resulta ser a gañadora deste concurso, que La Voz e Radio Voz convocan anualmente co obxectivo de incentivar a creatividade entre os máis pequenos. Noutras edicións venceron pícaros de colexios de Agualada, Carballo, Muxía, Fisterra, Cee ou Buño.

Máis dun cento de rapaces de sete centros educativos da Costa da Morte participaron este ano no concurso e, logo de Sara Fernández, os seguintes clasificados foron Nathael Martínez Puente, do CEIP Gándar-Sofán, co seu conto O reno do nariz vermello, e Manuel Lago Ayala, do CPR Manuela Rial Mouzo, que escribiu Un Nadal diferente. Os tres recibirán un agasallo durante o acto de entrega de premios, que se celebrará o día 16 en Muxía, e tamén un diploma acreditativo, ao igual que os restantes finalistas, dos colexios Manuela Rial, Labarta Pose e Alcalde Xosé Pichel. Por outra banda, as dez historias máis valoradas polo xurado (que poden consultarse na columna da dereita), serán publicadas integramente nestas páxinas o mesmo día do acto.

Os dez finalistas, un a un

  1. Enriquiño, o riquiño | Sara Fernández Santos | CEIP Labarta Pose (Baio)
  2. O reno do nariz vermello | Nathael Martínez Puente | CEIP Gándara-Sofán (Carballo)
  3. Un Nadal diferente | Manuel Lago Ayala | CPR Manuela Rial Mouzo (Cee)
  4. O Pobo FC | Fabio Vázquez Sousa | CEIP Labarta Pose (Baio)
  5. O Papá Noel galego | Hugo Calvo Maceiras | CPR Manuela Rial Mouzo (Cee)
  6. Un Nadal diferente | Khoa Nantón Bras | CEIP Labarta Pose (Baio)
  7. O Nadal de Luisa | Laura Cerviño Fuentes | CEIP Labarta Pose (Baio)
  8. A historia de Asraf | Brais Garaboa Canosa | CPR Manuela Rial Mouzo (Cee)
  9. O desexo de Mariña | Bruno Cebey Fareiro | CEIP Gándara-Sofán (Carballo)
  10. O soño de Nicolás | Gabriel Ramos Cancela | CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco)