
Non son desas persoas que se crean moitas expectativas cando comeza un novo ano. Pensar en grandes ou pequenos proxectos a realizar ha de ir acompañado sempre dun alto tanto por cen de frustración exponencial que me custa traballo asimilar. A estas alturas da miña vida prefiro «ir vendo». Así, frustracións e satisfaccións van intercalándose como partes indivisibles da miña existencia. Nin moito aplauso, nin moito reproche.
Por fortuna, outra xente, aseguraría que a maioría, soña que no 2024, con esforzo e ilusión, conseguirán ese premio de ver cumpridos os seus desexos. Oxalá así sexa se son para ben! E se son para mal, como diría miña nai, que os confunda o demo!
Agora ben, sendo realistas, as expectativas a nivel global, para que enganarnos, non teñen moi boa pinta. E no eido da política española, máis que polarización, de vivir Goya pintaría de novo ese Duelo a garrotazos que tan ben nos retrata. Pero quen sabe? Non sexamos agoireiros. Se fora certo, como sinala o filósofo José Antonio Marina, que un dos sentimentos máis persistentes na historia da humanidade é o medo ao futuro por non aceptar a provisionalidade do que acontece, eu recomendaría non entusiasmarse con pírricos logros e aceptar que o concepto de incerteza é connatural á nosa propia existencia.
Mais, aínda asumindo eses extremos tan pesimistas, por moito que perseguir a felicidade completa sexa un deporte tan ilusorio, teremos que vivir con certa esperanza. Miremos, por exemplo, esas boas novas de que o Goberno de Pedro Sánchez acaba de prorrogar as axudas sociais á enerxía e o transporte, entre outras. Medidas que non resolverán todos os nosos problemas pero, polo menos, aliviarán un pouco a carga económica das familias con menos recursos. Veña como veña, saúde e Feliz 2024!