Trampas aos ollos

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

08 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste Nadal, o máis visto en Netflix foi un vídeo que tiña de duración unha hora, emulando as faíscas dunha cheminea. Segundo algúns tiktokers, unha trampa para crear un ambiente acolledor se non temos o poder adquisitivo suficiente para mercar semellante aparello. Isto lévame a pensar que somos algo snob, maila que a algúns lles pareza mal. De verdade, podemos ter frío nas nosas casas ou unha estufa a gas pero poñemos no televisor unha imaxe de cheminea para crear ambiente? Como sociedade estamos a caer estrepitosamente no consumismo máis atroz. Unha das grandes eivas que temos é esa ansia de querer aparentar algo que non somos. Disfrazarnos de ricos neste librecambismo económico. Vestir roupa cara, ter o mellor coche ou ser idílicos en todo, aínda que teñamos vidas precarias ou non cheguemos a fin de mes con soltura abonda.

A min dáme moito medo este tipo de xente superficial que busca o último modelo de iPhone só por fardar, aínda que gaste o que non ten para ese fin.

Cústanos dicir «isto non mo podo permitir» e iso é un hándicap social inducido polo capitalismo. Ensináronnos que todo está ao alcance das nosas mans, sen dificultades para a xente occidental. De custe de oportunidade, nin falemos.

E así, vexo que nenos e grandes perden o significado e o valor das cousas. O sentido crítico de situarnos cos pés na terra como tiñan que facer nosos avós, vendendo ovos na feira e moras das silveiras para subsistir.

Netflix, has de sacar contidos doutra índole, non fagas que miles de persoas queden mirando pampas para o televisor vendo un lume que arde pero que non quenta. Certo é que ben podería ser un experimento social sen precedentes.

Para iso as lareiras. O de toda a vida, sen máis nin menos.