Pornografía

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

MONICA IRAGO

19 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os datos son alarmantes. Case a metade dos mozos e mozas menores de 15 anos consumen porno. Por iso, a lei para controlar tanto o acceso coma os contidos desta ¿industria de entretemento? é boa nova. De feito, a Comunidade Europea xa ten outra sobre Servizos Dixitais pola que se impoñen multas ás empresas que non cumpran cos requisitos de protección aos menores. Outro cantar é que funcionen. No Reino Unido, onde xa contan cunha normativa bastante restritiva, os resultados son pouco satisfactorios. O uso de móbiles e o acceso a internet por menores crece de xeito desmedido. De aí que o intento de prohibilos nos centros educativos sexa un paso decisivo, aínda que non suficiente se as familias non se implican no labor. Que a educación sexual ha de comezar na escola e que os pais teñen que participar de modo directo na formación dos fillos nesta materia é algo asumido no que debemos insistir porque se esquece con facilidade. Eu nunca defendería a prohibición da pornografía para adultos, pero outra cousa é o tipo de pornografía que se difunde sen ningún control onde a violencia machista se branquea como parte do gozo sexual, algo que debera estar perseguido con firmeza. Tamén sei que a liña que separa o pecado das virtudes é moi tenue. Ten razón o actor Ethan Hawke cando manifesta que é moi difícil retratar o sexo no cine xa que enseguida se volve pornografía. E non quero pensar o que pasará no futuro coas ferramentas que facilita a intelixencia artificial. A única esperanza para controlar os excesos sempre residirá na educación. Deixo para outro día algunha reflexión sobre a chamada «erótica do poder», onde os comportamentos de políticos, grandes prebostes e poderes fácticos poden ser cualificados de porno duro.