Supoño que a inmensa maioría acepta que en democracia debater e dialogar son ferramentas imprescindibles para entenderse, marcar diferenzas ou coincidencias na procura de acordos. Esa é a teoría socrática. Algo que na actualidade escasea, xa que cada argumento esgrimido é coma un tanque de combate taponando as vías de comunicación. E en época electoral todo se magnifica buscando, ás veces encarnizadamente, desarticular e contradicir razoamentos adversarios radiografando erros e defectos. Coñecemos a dinámica. Ofrecer sae gratis e cumprir é algo máis complexo porque non depende só da boa vontade senón de factores adversos que non controlamos. Todo normal. Eu teño asumido que as perspectivas sempre acaban sendo vítimas de desenfoques non previstos ou mal calculados. O que me molesta en grado sumo é que os debates descarrilen.
É dicir, que se produzan sobre temas que pertencen a esferas que, sendo de interese, non se corresponden coas urxentes e xustificadas preocupacións cidadás da circunscrición convocada a tomar unha decisión soberana. Agora toca en Galiza e deberiamos estar a falar da nosa industria, pesca, agro, situación dos centros educativos, sanidade, traballo, emigración, turismo, financiamento, transportes colectivos, envellecemento e decrecemento da poboación (os da Costa da morte, de seguir así, estamos en perigo de extinción). Sigo? Realmente estou esperando, (iluso), que os candidatos se batan o cobre facendo (auto)críticas e propostas que afectan ao futuro do país. Pero como o Pisuerga segue a pasar por Valladolid non paramos de escoitar, con creativas regueifas e retrancas de salón, que Pedro Sánchez vai trasladar o sepulcro do apóstolo a Catalunya a cambio de sete moedas de prata. Ai!