Jesús Cotelo: «A fracción orgánica é fundamental para lograr o resto dos obxectivos da reciclaxe»

Antón Lestón Lago
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

.

Este carballés é coordinador do equipo de educadores medioambientais que atenden as visitas a Sogama, en Cerceda

18 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) ten como actividade principal a xestión e o tratamento de residuos. É unha función na que participan varios axentes. Un deles é Applus Norcontrol, no que é consultor sénior o carballés Jesús Cotelo, que ademais tamén é coordinador do equipo de educadores ambientais que atenden as visitas guiadas ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda.

—Que é Applus Norcontrol?

—É unha das empresas líderes a nivel mundial en temas de inspección, ensaios e certificacións. Traballamos tanto con empresas públicas como con privadas, axudándolles a potenciar a súa calidade e seguridade nas súas actividades. E tamén, para desenvolver proxectos medio ambientais.

—En canto á xestión de residuos, de que se ocupa Applus?

—Dende fai máis de 20 anos en Galicia, nós traballamos en planificación de servizos de recollida viaria, estudos de custos, procesos e viabilidade, controis e inspeccións da prestación deses servizos por parte das empresas concesionarias. Aí, por exemplo, incluímos a caracterización macroscópica dos residuos da fracción resto e os correspondentes á fracción orgánica, que é un dos traballos que temos adxudicados por Sogama.

—Tamén traballan a comunicación.

—Si, ese é o aspecto que máis preto teño eu. A comunicación, formación e educación ambiental que tan necesaria é para conseguir os obxectivos marcados en canto a reciclaxe e outras actividades.

—Que atrae visitas a unhas instalacións de tratamento de residuos?

—Iso me pregunto eu (ri), porque hai moito interese, tanto de colectivos a nivel educativo como, ultimamente, doutros cun perfil moito máis técnico. Hai interese por coñecer como traballa a gran instalación que hai en Galicia e tamén por saber o que se fai alí cos residuos. Moitas persoas, teñen ouvido sobre Sogama, pero unha vez marchan de alí, fano moi sorprendidos polos métodos empregados e pola amplitude das instalacións e dos procesos.

—A visita servirá tamén para converter a moitos negacionistas da reciclaxe.

—Efectivamente. Agora mesmo incorporamos unha tecnoloxía de vídeos inmersivos. E iso permite ao cidadán ver cómo son as instalacións por dentro sen o malestar dos olores. Ven como funciona toda a maquinaria con gafas de realidade virtual. E iso poden contrastalo con estas visitas nas que poden ver eses procesos en persoa. A moitos sérvelle para confiar máis en todo isto.

—Que é o que máis lle sorprende da planta de Cerceda as distintas visitas?

—Sobre todo, o volume. O que máis lles chama a atención, sobre todo, a cantidade de paquetes de materiais clasificados para enviar para reciclar. A nivel, visual polo menos. A nivel proceso, diría que levan unha grata sorpresa a ver cómo se aproveitan os residuos para convertelos en enerxía eléctrica.

—Está concienciada a poboación coa reciclaxe orgánica ou queda aínda traballo por diante?

—Seguro que vai levar uns anos máis, como tódolos procesos de cambio. Pero é moi importante este cambios. A sociedade ten que saber que esta separación é fundamental para conseguir o resto dos obxectivos da reciclaxe. A fracción orgánica é a máis grande dos residuos. A que se recolle selectivamente vai ir para facer un abono que contribuirá ao enriquecemento do substrato dos nosos solos. Polo cal, ademais de ser a fracción máis grande, remata cun aproveitamento diferente, e permite que outros residuos queden mellor clasificados. Xa se están colocando medios, cos contedores marróns e facendo campañas.

—Unha práctica que xa era común en moitos fogares, sobre todo das aldeas.

—Efectivamente, isto non deixa de ser a pila de esterco que en moitos fogares se aproveitaba para a leira despois. De feito, para as entidades poboacionais más pequenas segue recomendándose a compostaxe doméstica, que aproveiten os seus residuos para os seus terreo. Ás veces, incluso pódese facer con catro pezas de madeira.