Xubilación de Xosé Cambón Martínez

xosé pumar gándara

CARBALLO

J. M. CASAL

18 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de tantos anos servindo á Igrexa, don Xosé Cambón chega á xubilación. Nacido en Santa María de Ardaña o 20 de febreiro de 1937, fixo os seus estudos eclesiásticos no Seminario de Santiago, recibindo a ordenación sacerdotal de mans do cardeal Quiroga o 13 de agosto de 1961. Despois dun breve período no que exerceu fóra de Bergantiños, foi nomeado párroco de San Miguel de Couso e Santa María de Ferreira, cargo que veu exercendo sen interrupción desde haberá uns sesenta anos. Por 1972-74 colaborou na misa dominical na capela de Santa Ana, da Rabadeira (Seavia). Dende hai corenta anos exerce tamén como párroco de San Lourenzo da Agualada. Noutros períodos serviu á parroquia de Cuns, como viña facendo na actualidade. É arcipreste de Bergantiños desde hai catorce anos, contando para iso coa confianza continua dos compañeiros, e a designación directa do señor arcebispo.

Xosé Cambón é un amante de Bergantiños, da súa historia, cultura, tradicións. O seu carácter é de sacerdote responsable, fiel cumpridor, discreto, eficaz. As igrexas, reitorais e camposantos das freguesías onde el exerceu experimentaron notoria melloría e adecuada restauración.

Coa xubilación de tan querido compañeiro prodúcese unha ausencia no clero bergantiñán difícil de cubrir, tanto personalidade do señor Cambón como polas posibilidades dos sacerdotes. Oxalá as parroquias que el atendeu manteñan a vida cristiá que Xosé promoveu e estimulou tantos anos. Os efectivos do clero diocesán son cada vez máis limitados. Comprenderano así as parroquia afectadas. Que colaboren para que non se perda o traballo pastoral do señor Cambón.

Cumpriu moi ben como párroco, como arcipreste e compañeiro. Merecida a súa xubilación cos seus 86 anos de vida e 63 de sacerdocio. Queda a súa memoria moi grata, e o seus exemplo para fieis e clero. Felicitámolo cordialmente, uníndonos a tantos parabéns que están recibindo. Os compañeiros de Bergantiños tributaranlle unha cálida despedida.