Varias localidades e entidades lembraron á autora padronesa no 187.º aniversario do seu nacemento
24 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna…
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
Son estes parte dos versos do poema Miña casiña, meu lar, palabras onde a poeta de cabeceira de Galicia describe unha receita que onte se replicou en moitos puntos da comunidade, tamén na Costa da Morte. Este «caldo de groria», do que os padais máis exquisitos botarán en falta algún compango, sabe así realmente, a gloria, e foi o xeito de conmemorar a Rosalía de Castro no seu día, no que sería o 187.º aniversario. «Será o mellor acompañamento para a túa consumición, tanto ó mediodía como á noite!», convidaba onte o Concello de Malpica, con varios establecementos implicados na elaboración deste prato: O Pescador, O Cornecho de Tano, Santiago Apóstol, Casa Antonio, Ybarra e San Francisco.
Non faltaron por alí os gaiteiros, nin tampouco a voz e o teatro na sede da Fundación Eduardo Pondal, en O Couto, Ponteceso. Houbo caldo na lareira máis literaria de Galicia, pero tamén sentimento con Irma Macías ou entretemento co grupo de teatro da Casa da Muller. Botou en falta o portavoz socialista, Lois García, que o Concello natal do bardo non promovese da súa banda algunha conmemoración.
Tamén por Corcubión, Cee, Cerceda ou Fisterra fixeron memoria da padronesa. Neste último municipio, a aula CeMIT rendeulle homenaxe a través das novas tecnoloxías. Así, foi o grupo de iniciación á informática o encargado de realizar unha visita virtual á súa casa-museo, «paseando e explorando as diferentes estancias e aprendendo un pouco máis sobre a súa obra», trasladan Alicia López, responsable. Ademais de valerse de ordenadores, empregaron os usuarios gafas de realidade virtual, «aparello do que botaban man por primeira vez, pero ben seguro que non a última, xa que quedaron fascinados». Fisicamente, unha boa opción para achegarse a Rosalía pode ser o xardín a ela dedicado na vila de Carballo.