Taconeado

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

26 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Se me preguntasen que pasou o sábado 17 en Baíñas diría que se despediu o entroido con fervor. Os mozos e mozas que desfilaron podían acusar o cansazo de numerosos pasarrúas e competicións anteriores. Non obstante, vivírono e taconeárono coma se fose o primeiro. Engalanados con maquillaxes imposibles e bailes chulísimos foron capaces de emular en nós, o xurado, esa ilusión polos disfraces con cada pequena puntada que levou horas e con cada paso que levou mil ensaios. A decisión nunca pode ser enteiramente xusta ou fácil cando existe un custe de oportunidade tan grande, só tres premios e igualmente unha calidade artística en número moi alta.

Parabenizo a Víctor, á Comisión de festas de Baíñas e aos voluntarios que ofreceron un cocido de calidade, aguantando os lumes dos fogóns para facer tal cantidade de ágapes e fillas. Dinamizar un pobo nunca é unha tarefa sinxela nin recompensada. O traballo altruísta de todos foi o que fixo posible que familias, maiores e nenos gozasen dun espectáculo que ateigou de cheo o pavillón anexo ao Colexio de Baíñas.

Tiñamos igualmente todos nós un recordo especial na memoria, Javier García, que durante moitos anos contribuíu enormemente a que Baíñas tivese entroido xunto ca súa dona e os seus fillos.

Tanto el, como a comisión de festas actual dannos e déronnos unha fermosa mensaxe: Baíñas ten nome propio de entroido e o entroido despídese na nosa terra. Porque, miñas donas e meus señores, só Baíñas é capaz de coincidir co enterro da sardiña e a Mikaela de Buño e saír non só ilesos, senón vencedores por antonomasia.

Iso demostra que somos lugar consolidado para dar o adeus fatídico á semana grande entroideira.