Nos últimos anos, un espectro das miñas amizades son de índoles, etnias e relixións moi diferentes. Algo que resulta enriquecedor. Penso sinceramente que a meirande parte da comunidade musulmá afincada en Galicia está farta de que lle pregunten se non o pasan mal no mes de Ramadán. Un clásico ano tras ano por parte nosa. Se non lles parece unha práctica baldía ou se é preciso pasar tanta fame. Eu mesma repito estas galimatías con frecuencia e decátome precisamente que implicitamente estou xulgando algo que non me corresponde, amparándome no consello, no comentario.
Acotío, dásenos mal escoitar e tolerar de maneira real todo aquilo que non coñecemos e que non nos inflúe na nosa liberdade persoal. Preferimos opinar coma se fose algo que nos correspondese, coma se fósemos nós obrigados a pasar xaxún. Se algo descubrín nestes anos, é que todos cremos no mesmo Deus agás ateos ou os agnósticos. Que somos capaces de compartir conversa e tempo xuntos. Unicamente observamos o vaso medio cheo dende diferentes perspectivas, mirando o mesmo ente dende diversos ángulos e diferentes formas. Da mesma maneira que non me gustaría que se xulgase a Semana Santa, renego desas opinións impostas sobre o velo, o Ramadán ou outros.
Trátase de defender os dereitos persoais das persoas, pero tamén de respectar as libres eleccións de cada individuo sempre que non coarten liberdades colectivas ou de xénero. O libre culto. Nin máis nin menos. Adorar e crer a quen nos pete sen facer dano a ninguén porque non estamos no 1492, na caída de Granada. Pensemos que ata Abraham foi profeta de xudeos, cristiás e musulmáns, compartindo unha mesma parábola. Que toda a comunidade musulmá pase un bo Ramadán, de recollemento, ilusión e familia.