Para curarse dese espectáculo esperpéntico que a confrontación política ofrece con debates(?) nada edificantes, portando en alto navallas ben afiadas que queren sangue para humedecer o lamazal cheirento onde só se libran batallas por intereses particulares, a literatura pode ser a medicina apropiada. Por exemplo Chorente, («ese lugar que existe no tempo dos soños»). Un sopro de aire fresco que nos permite recuperar certa esperanza de que unha sociedade mellor é posible. Sobre este libro, editado por Positivas, dialogamos co autor, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, dentro das actividades do Foro de lectura en Espiral Maior. Escritos para ser radiados, este conxunto de relatos curtos sobre unha pequena aldea, convertida en espazo global polos temas que aborda, son un referente pedagóxico de como o respecto pola diferenza e o comportamento cívico constrúen comunidades sostibles. O importante para ser cidadán desa burbulla utópica é ter personalidade, non andar precipitadamente atropelando aos veciños, respectar as normas de convivencia, saber escoitar, resolver os problemas con imaxinación e non darlle as costas, ou aceptar a natureza como benfeitora e non como inimiga. «En definitiva, sempre que vexas homes ou mulleres en actitudes que supoñen vivir a vida sen presa e gozando de cada momento, estarás vendo alguén nacido en Chorente». Moita lírica, tamén, entre tanta prosa. Como esa chuvia que é unha polifonía de olores, a tristeza indispensable que nos permite ser conscientes do valor da felicidade, ou eses tragos de absenta espirituosa que me reportan a vivencias pendentes dun relato. Un todo cheo de matices. De aí que, para calibralos razoablemente, sexa tan necesaria a lectura. Lean, lean...