Roberto Alonso: «Os produtos que son bos para as persoas, tamén o son para o planeta»

Antón Lestón Lago
aNTÓN LESTÓN CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

cedida

O Clúster Alimentario de Galicia agrupa aos principais axentes do sector alimentario en Galicia

13 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tódalas semanas pasan por Ecovoz protagonistas que afondan no aproveitamento de recursos de cara a implantar unha economía circular que implique sostibilidade. Unha misión que abarca tódolos eidos. Tamén o alimenticio, quizais un dos que máis conciencia creou na sociedade pola visibilidade e a preocupación de que facer cos restos en cada fogar. Roberto Alonso é o director do Clúster Alimentario de Galicia, denominado Clusaga.

—Como nace esta entidade e cal é o seu funcionamento?

—Funciona como unha agrupación de empresas que están relacionadas coa industria alimentaria en Galicia. Nós traballamos co obxectivo de promover a colaboración para favorecer a mellora competitiva de tódalas entidades e, por ende, do sector alimentario na comunidade. Vimos traballando dende o ano 2010 e comezamos con iniciativas para promover relacións entre diferentes axentes do sector. Tamén nos encargamos da promoción de un produto con tanto potencial como é a nosa gastronomía ou do seu desenvolvemento sustentable.

—Notaron nestes catorce anos como a sociedade foi concienciándose do papel tan importante que xoga a alimentación nas nosas vidas?

—Si, por suposto. A sociedade cada vez é máis consciente da importancia dunha alimentación sustentable. Tamén de que existe unha crecente demanda de prácticas máis saudables, éticas e respectuosas co medio ambiente. E, polo tanto, as empresas do sector e os produtores temos que adaptarnos a esa demanda. Aínda queda moito traballo, o que require que a sociedade siga avanzando e o sector tamén, pero comparando co ano 2010, hai unha distancia moi considerable.

—A sostibilidade alimentaria é o mesmo que comer san?

—Si que vai relacionado, sen dúbida. A sostibilidade alimentaria, a nivel conceptual, é a capacidade de satisfacer tódalas necesidades da poboación, pero sen comprometer ás xeracións futuras. Entón temos que abordar temas como a produción sostible de alimentos, a distribución equitativa, a redución do desperdicio alimentario e as dietas máis saudables e equilibradas, que están profundamente relacionadas coa posibilidade de desenvolver unha sostibilidade maior dentro da cadea alimentaria. Ao final, os produtos que son bos para as persoas, son tamén bos para o planeta.

—Conseguir iso obriga a estar en permanente contacto tamén con outros sectores?

—Sen dúbida. Hai un ecosistema con outros sectores que temos que traballar na mesma dirección. A relación con axentes de diversos eidos, ca Administración Pública e coa sociedade en xeral, é fundamental. A industria alimentaria non pode facer este traballo soa.

«Galicia é única a nivel mundial e permite facer dieta con alimentos de proximidade»

A sociedade demanda cada vez máis información sobre a procedencia do que come.

—É moi complicado cambiar hábitos e deixar de facer o que levamos facendo toda a vida?

—Non sei se é algo contrario ao que levamos facendo toda a vida, porque tradicionalmente o sector alimentario vén traballando moi involucrado co desenvolvemento rural e coa conservación do medio ambiente. Por iso, ás veces é necesario volver ao que se facía antes, á agricultura rexenerativa. Non é que historicamente se viñese facendo mal, senón recuperar certos valores. E hai que concienciar ás empresas da necesidade de adaptarse a esta nova situación, que implica unha resiliencia porque hai cambios externos que nos van afectar como é o cambio climático. E tamén, claro, concienciar á sociedade da importancia da alimentación sostible porque o consumo é, ao final, o elemento que orienta a produción.

—Galicia é unha comunidade privilexiada pola calidade?

—Si, Galicia ten unha diversidade única a nivel mundial e unha riqueza gastronómica e de produtos que é moi significativa. Dende os produtos do mar ata os agrogandeiros. Isto permítenos facer unha dieta completa cos produtos de quilómetro cero.