![](https://img.lavdg.com/sc/ERe3Hl7AUHROvbAT07Nb5qQ6Vf4=/480x/2024/05/26/00121716745621499710273/Foto/X29O2013.jpg)
Hai unhas semanas, estableceuse a raíz dunha entrevista un bo debate en redes sobre as obras literarias. Falábase de se as obras deberían ser presentadas aos certames mediante sistema de plica ou se son indivisibles ao autor, xa que dotan a mesma de contexto. O primeiro que a xente non sabe é que presentar obras a certames literarios non é rentable. O custo da crear, as horas invertidas, a presentación en papel con todas as súas florituras e as retencións a posteriori fan que non sexan cobiza de ninguén. Ademais, sexamos sinceros, o maior recoñecemento é moral, máis ca monetario.
Presentar as creacións sen plica esixe unha diferenza de condicións. Eludir a meritocracia e fixarnos unicamente en nomes consagrados que tiveron que xermolar necesariamente a través do sistema de plica para poder estaren onde están. Falamos entón de subvencionar determinadas persoas mediante fondos públicos e non de promover a cultura e o mellor do mellor a cegas. Xa sei que moitos din que os certames están amañados, que sempre gañan os mesmos. Xustamente eses que promoven ese dogma son os que se presentan unha e outra vez aos mesmos certames. Estamos pois ante o complexo de mal perdedor e non ante a realidade imperante de que a literatura é subxectiva e o que para uns é ouro para outros non vale un patacón. Moitas veces aquela participación da que non estamos orgullosos acada o primeiro posto entre ducias. Da famosa entrevista, dunha das mellores poetas do país (algo ineludible) salvaría unha cousa. Certo é que perdemos moitos máis certames dos que gañamos, pero iso non se di. Diso non se fala porque, aquilo que non se verbaliza, simplemente non existe. Ser perdedor non se estila neste mundo de aparencias.