Europa

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Un mitin do BNG de cara ás europeas, este pasado sábado en Carballo
Un mitin do BNG de cara ás europeas, este pasado sábado en Carballo ANA GARCÍA

07 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando votamos a Constitución Europea, Manuel Rivas dicía que optaba polo si por humano instinto de conservación, e Suso de Toro insistía en que, aínda tendo defectos, non faría patria deles e votaría a favor das súas virtudes porque se sentía orgulloso de ser europeo e cría na esperanza. Eu tamén metín na urna un voto crítico afirmativo. As sociedades evolucionan nunha contradición permanente e Europa, como un ser vivo que é, muda de pel e transfórmase constantemente. Ás veces semella posuír un poder marcado pola ambigüidade ambiental, económica e social, e noutras maniféstase en forma de espada de Damocles condicionando a nosa vida cotiá. Mais se algo temos que ter claro é que esa anticuada idea da autarquía nacionalista converteuse nunha caduca distopía para xentes que non acaban de asumir que diante do fociño teñen un horizonte rico e, polo tanto, conflitivo, rexenerativo e diverso. Xentes de ultradereita que pretenden dinamitar o traballo feito en prol da unidade e a converxencia. Temos por diante moitos retos. Seguramente haberá que revisar as políticas agrarias e de pesca comúns para que os agricultores e pescadores non se sintan discriminados por decisións xeo-estratéxicas ou pola influencia de lobis que só perseguen intereses sectoriais, profundar no Pacto verde e a transición enerxética, etcétera. Un pouco máis de pedagoxía non viría mal. Pero todo isto hai que facelo con máis consenso e non levantando muros e barricadas. A campaña electoral non está mobilizando ao electorado europeísta porque parece que nestas eleccións só se dirimen vendetas localistas cando o que nos xogamos é bastante máis importante e global. De aí que o domingo sexa vital acudir masivamente a votar por Europa e non contra ela.