Hai un paraíso nos confíns da terra

Bieito Romero
Bieito Romero LÍDER DE LUAR NA LUBRE

CARBALLO

Vía Láctea sobre A Pedra Do Brazal (Dumbría)
Vía Láctea sobre A Pedra Do Brazal (Dumbría) ANA GARCÍA

Especial turismo | Declárome profundo amante da Costa da Morte. Terra contundente de meigallos pasados e presentes. Zona de antigos cultos ancestrais, difuso lugar onde se deita o sol e se reafirma a vida.

15 jun 2024 . Actualizado a las 00:22 h.

Di a canción:

Hai un paraíso nos confíns da terra, hai un paraíso ao que guían as estrelas.

A letra describe ese camiño trazado pola concentración de estrelas que coñecemos como Vía Lactea e que nos ceos de pouca contaminación lumínica aínda podemos observar con certa nitidez. Sen dúbida unha visión absolutamente fascinante e recomendable que debería ser obrigatoria como goce do noso paso por este mundo dos vivos. Mais tamén é certo que o privilexio soe ser só duns cantos, daqueles que de cando en vez miran os ceos con curiosidade.

Ese vieiro celeste ten guiado moitas civilizacións ao longo dos tempos nas noites máis profundas. O seu trazo indicaba os confíns da terra naquel afastado mundo coñecido, que non eran outros que os diferentes Finis Terrae europeos. Particularmente o noso, no remate do mundo e comezo do inconmesurábel Mar Maior. Lugar onde se di que o xeneral Décimo Xunio Bruto, alcumado o galaico, conquistador romano destas latitudes, quedou abraiado de como o infindo Atlántico engulía paseniñamente o sol. A terra máis occidental do continente europeo, considerada como lugar onde coexiste unha delgada liña entre o visible e o invisible, entre o mundo dos vivos e o dos mortos, alí onde se embarca para ir ás terras do alén como crían os celtas, camiño ao seu paraíso, o Tir Na Nóg ou terra da eterna xuventude.

Séculos máis tarde, neses confíns atlánticos de escarpadas costas e de mar tan salvaxe e implacable como fermoso e abraiante popularizouse o nome de Costa da Morte. As terras do solpor, coordenadas da Europa continental onde se poden ollar as últimas raiolas do sol. Moitos foron os naufraxios que traxicamente marcaron innumerables puntos desta costa que xeograficamente abrangue dende Carnota ata A Laracha. Desas traxedias mariñas en boa parte o nome desta comarca chea de vida, de tradicións e autenticidade. Terra de rexos labregos montañeses e curtidos mariñeiros pescos aos que o gran bardo nacional, o pontecesán Eduardo Pondal, lles dedicou boa parte da súa obra. Territorio de profundidade histórica como ben queda amosado tanto nos innumerables monumentos megalíticos entre os que sobresae o de Dombate en Cabana de Bergantiños, coma na cantidade de castros dos que quizais o de Borneiro, tamén en Cabana, sexan exemplos salientables.

Alén dese patrimonio material que podemos ver ou apalpar, está tamén ese outro intanxible formado por lendas, tradicións e costumes que conforman unha identidade asociada a toda a parte emocional e sentimental transmitida a través dos tempos de xeito oral ate os nosos días.

Cun medievo do que aínda se conservan auténticas marabillas, é imposible non nomear o Castelo de Vimianzo ou as Torres do Allo entre moitos outros monumentos e fortificacións duramente asediadas polos Irmandiños.

Pero non só é a arqueoloxía e o pasado, tamén está ese tempo máis presente representado pola arquitectura popular e os distintos elementos tradicionais que constitúen e complementan as vivendas. Os hórreos coas súas diferentes variantes tipolóxicas, os cabanotes, os pallotes, as palleiras ou as cabanas. Riqueza etnográfica sempre ampliada pola cantidade de cruces de pedra, cruceiros e petos de ánimas que inzan de misterio e mitoloxía toda esta comarca. Declárome profundo amante desta parte de Galicia. De feito escollín vivir nos seus lindeiros, preto de Caión, esa lingua de terra que entra poeticamente no mar, vila de valorosos mariñeiros e antigo porto de historia baleeira igual que a miña ben querida Malpica.

Eu son mariñeiro, mariñeiro eu son, pesco de Malpica ate a Praia de Sabón.

O Atlántico común con tantas historias que contar e que cantar nestas portas de entrada marítima á fermosa Costa da Morte. Corme e Laxe, chiculateiros e papeiros separados e irmandados por unha das rías máis fermosas, co esteiro do Anllóns presidindo. Refuxio de aves coma ningún outro e paraíso natural como poucos. Soesto nos confíns é a bravura que abraia.

Saín de Corme con día, anoiteceume en Carballo. Ás fillas da miña nora que lles quiten o meighallo….

Terra contundente de meigallos pasados e presentes. Lugar de antigos cultos ancestrais que lembran aos Saefes e a súa adoración ás serpes… Serpes aladas como a que está gravada detalladamente en Gondomil, Corme. Mensaxes pétreos que remarcan ese contacto intercéltico con outros pobos como o bretón ou o galés. Correntes náuticas de ida e volta que sempre nos irmandaron dentro dese inmenso océano. Foi a nosa grande autovía ao mundo e por iso fomos centro, porque esta era unha das meirandes vías marítimas, así como lugar de parada e intercambio comercial e cultural en diferentes etapas da historia.

Coordenadas occidentais oceánicas onde as medicinais Camariñas foron quen de lle dar nome a un pobo de mariñeiros que co tempo se converteu na gran capital mundial do encaixe de palillos. Lugar onírico onde está o espectacular Cabo Vilán, fascinante enclave inzado de historias e lendas presidido por un dos faros máis fermosos entre os que camiñar e gozar da natureza mariña. Luces que salvan vidas no país dos mortos.

Na fronte, a Muxía dos monxes onde aínda se abala o ancestral altar druídico cristianizado. Alí xusto onde a raíña chegou nunha barca de pedra, como adoitan facer os santos galegos de importancia maior na costa, e é por iso que así se lles considera. Facer flotar e navegar a pedra só é cousa milagreira.

Terra de Nerios, Brigantes e mestura de xentes que conforman o carácter dos seus habitantes. Adoradores do sol e particularmente do solpor, buscadores das terras do alén e testemuñas inmemoriais do paso dos eternos peregrinos que arelan o remate dese camiño sen fin.

Pescos, montañeses, mariñeiros, papeiros, chiculateiros, carneiros, corvos, ceboleiros e moitos máis alcumes que inzan de humanidade estes confíns da terra que a ninguén deixan indiferente. A poetización do inerte barro que dende a tradición é capaz de asombrarnos coa oleiría de Buño. Néboas infindas e cornas soando, o espírito do Vakner que se lle apareceu ao peregrino armenio Mártiros nas terras de Dumbría e a solemnidade maxestosamente pétrea do Monte Pindo. Silencio e emoción.

Gorxas poderosas e telúricas como as das cantareiras de Mens, e os sons das gaitas dos vivos resoando dende o máis fondo dos tempos cos Marabillas de Corme e os gaiteiros de Neaño como portadores da ancestralidade. E é así como a canción di:

Hai un paraíso ao que guían as estrelas...

A Costa da Morte, ese difuso lugar onde se deita o sol e se reafirma a vida.