Caneliñas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

BASILIO BELLO

17 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

esta pouco célebre escritora gústalle escoitar ás veces o que lle propón a xente. Unha amiga faloume de Caneliñas. Díxome que lle parecía incrible que a xente non coñecese o recóndito deste lugar, onde se pescou a última balea en Europa. A esencia viva do turismo industrial que, sen ser masificado, pode ser un alicerce perfecto para estimular a contorna e os lugares con esencia. Caneliñas é abofé un deses enclaves onde despois de tantos decenios aínda se pode observar a voráxine da factoría. Deambular polas súas terras é sentir o paso ineludible do tempo, aquel do que ninguén pode escapar. Se pechas os ollos sentes ou imaxinas por un instante a alegría ou a tristeza daquelas operarias que tal e como nas industrias Massó levantaron o país cas súas mans. Este verán hei de ir a Caneliñas. Faláronme tan ben do lugar que me impregnaron de cheo ca súa historia. De feito, alumnos do Cesuga andan a elaborar plans de recuperación para a antiga fábrica de baleas, de maneira que incluso nun futuro se poida extrapolar a un museo ou centro de estudos sobre o sector secundario na zona. Oxalá chegue a bo porto e un día poidamos ensinarlle aos nosos fillos que vivimos nunha Costa da Morte infestada de cultura e vestixios. Demostrar que o que para nós está por desgraza devaluado para outros sería formidable para ser reclamo de turismo. Queda moita Costa da Morte por explorar, unha que foxe do sol e da praia e busca un valor engadido: historia e cultura en simbiose e xénese perfecta. Vivimos nun lugar privilexiado do que apenas coñecemos nada. A miúdo, incluso eludimos o seu valor nun exercicio de pouca autoestima. Infundíronnos ese sentimento de que o propio non ten cabida.

Reivindiquemos o noso.