Durante moito tempo, sentín que o mundo perdía cor a pasos vertixinosos. Esa sensación opresora e deshabilitadora que nos fai mudar os pensamentos. Deixamos de escribir con ilusión, de ler con premeditación e aleivosía. De mirar a vida dende o mismo prisma. Imaxinen esa frase dos vellos de que a comida xa non a degustan da mesma forma, pois tal que o padal, a vida mesma.
Freud dicía que as etapas vitais mudan e debía ter a mesma teoría ca calquera xubilado que se senta no paseo marítimo para esbardallar sobre a vida e a vellez. Acotío, fíxome que lle falamos aos nenos con condescendencia e temperamento. Non temos paciencia nin decoro con eles. Van a outro ritmo vital. Non recordamos que cognitivamente funcionan dunha forma totalmente diferente a nós. En cambio, os nenos, se quixeran, poderían conquistar o mundo cas xemas dos seus dedos. Contan con algo que xa conseguiu describir Peter S. Beagle no seu libro El último unicornio. Nútrense da forza volátil da imaxinación, algo que non temos entre as nosas pertenzas os adultos, tan grises e anodinos.
Á miúdo, vivimos apurados para chegar a un destino incerto, illa nunca coñecida. Cada vez máis, a desgraza apura entre nós como dicía Edgar Allan Poe, en forma de enfermidades repentinas ou devires varios. Pequenos pulsos que nos demostran que a seriedade da adultez, o vivir para traballar e o deixar de ser nenos, quítannos anos de vida. Sexamos nenos, aínda con pequenos xestos accesibles. Non me fagan moito caso, meus grandes lectores, nunha desas teño unha crise dos corenta anticipada. Por previr, pensen en pequeno de cando en vez para poder chegar a ser xigantes.