As Letras Galegas virán para a Costa da Morte no 2025

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Reunión da RAG na que se decidiu dedicar as Letras Galegas 2025 ás cantareiras
Reunión da RAG na que se decidiu dedicar as Letras Galegas 2025 ás cantareiras MARCOS MÍGUEZ

A Real Academia Galega dedicaralle o vindeiro 17 de maio ás cantareiras e á poesía popular oral, representadas nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e tres das Pandereteiras de Mens (Malpica)

05 jul 2024 . Actualizado a las 22:19 h.

A Real Academia Galega vén de anunciar que o Día das Letras Galegas 2025 seralle dedicado a seis mulleres da Costa da Morte en representación das cantareiras e a poesía popular oral. Trátase de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e Manuela Lema Villa e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, tres das cinco Pandereteiras de Mens (Malpica). As outras dúas, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, faleceron hai menos de dez anos, co cal non puideron entrar a formar parte desta candidatura colectiva que se impuxo á de Antón Tovar e á do baiés Enrique Labarta Pose.

O recoñecemento a estas seis mulleres, transmisoras da cultura popular, chega máis de medio século despois do último autor da Costa da Morte recoñecido co Día das Letras Galegas. Só Eduardo Pondal, no 1965, e Gonzalo López Abente, no 1971, recibiron polo momento tal honra, aínda que en Zas levan varios anos loitando por conseguir que se homenaxee a Labarta Pose e agardaban que o 2025, centenario da súa morte, fose o ano elixido.

O alcalde, Manuel Muíño, manifestou nun comunicado a súa ledicia pola decisión tomada pola RAG e ofreceu a súa colaboración á hora de celebrar diferentes actos na honra de Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela. Tamén avanza que seguirán a traballar pola difusión da figura e da obra do escritor baiés.

Tradición Centenaria

Representan estas seis cantareiras «ás moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións», recoñecen dende a Academia, ao tempo que poñen en valor as iniciativas de recolleita que permitiron «visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de urbanización do país», engaden.

Nunha comarca na que cada ano agroman novas entidades tradicionais, e na que os asistentes ás múltiples foliadas que se celebran durante o ano se contan por milleiros, a nova foi recibida con ledicia e satisfacción. E coa certeza de que, xunto a esas seis mulleres, serán homenaxeadas moitas outras. «É un recoñecemento ás informantes, a todas esas mulleres que levan toda a vida dedicada a preservar a tradición», comenta a concelleira de Cultura malpicá, Noelia Freijeiro.

A súa homóloga cercedense, Cristina Capelán, recoñécese sorprendida, máis chea de ledicia e decidida a organizar, dende o seu departamento, uns actos que lle fagan xustiza ás súas veciñas. «Xa normalmente facemos actividades, pero este ano intentaremos facer unhas Letras á altura destas mulleres e renderlles homenaxe, tanto a elas como ás que aínda están hoxe en día», apuntou Capelán, ao tempo que puxo en valor o traballo das entidades tradicionais que están a funcionar en Cerceda.

Dende Muxía, o alcalde Iago Toba agradecía a decisión da RAG e aledábase de que «un municipio tan pequeno teña xa dous persoeiros aos que se lle dedicara o premio máis importantes das nosas letras». Todo un «orgullo», sostén Toba, que se amosa tamén esperanzado «polo espertar artístico neste eido que poida provocar en moita xuventude, ao darlle un protagonismo tan grande [a estas mulleres]».

Tamén quixo pronunciarse publicamente, nos seus perfís sociais, o músico Xabier Díaz, coñecedor da cultura popular da Costa da Morte, que en tantas informantes ten confiado: «Fortuna dun país que grazas a tantas e tantas mulleres conservou un patrimonio fermoso [...] As Letras do vindeiro 2025 han estoupar nas foliadas, polavidas, grupos, locais de ensaio... Un aturuxo de celebración!», indicou.