Un día para elas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Consuelo dos Queixos, nunha imaxe de arquivo con Xabier Díaz
Consuelo dos Queixos, nunha imaxe de arquivo con Xabier Díaz Ana Garcia

08 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano, queda un feixe de xente merecente fóra do Día das Letras Galegas. Penso en Avelino Díaz ou en Enrique Labarta Pose. Inxustizas de nomes ante unha realidade imperante: moita xente con meritocracia e só un día no ano. No 2025 emerxe unha gran data, un día dedicado á transmisión oral con varios nomes propios que marcaron a diferenza. Non son os únicos, representan un colectivo único, o de centos de mulleres anónimas que foron auténticas literatas sen recoñecemento algún, a maiores de seren nosas avoas, bisavoas e tataravoas. Cando souben da nominación gañadora, pensei na Rexoubeira de Bergantiños, Asunción Antelo, pero tamén noutra muller de pro: Consuelo dos Queixos, a muller que inspirou o traballo de Xabier Díaz, no salón das Cereixas. Eu tiven o auténtico privilexio de coñecela antes de falecer.

Recordo aínda como nos alegraba as noites no hospital coas súas cantigas, enchéndonos de ledicia incluso nos momentos difíciles. Que gran perda foron estas dúas mulleres de Bergantiños. Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía, e as Pandereteiras de Mens —Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Vilar—, de Malpica son as personificacións da literatura oral. As alma máter da cultura galega en festas de fiada, muiñeiras e foliadas. O legado do presente e o recordo do pasado. A Costa da Morte ten un gran traballo institucional, sobre todo Muxía, para loar a figura de todas aquelas mulleres que marcaron unha impronta en toda a sociedade galega. Que merecido e acertado o Día das Letras Galegas 2025. Como diría Consuelo de Verdillo: Cantade nenas cantade/facede o corazón forte/o tempo da mocidade/ non vos ha de durar decote.