Din que non é como empeza...

Damián Espasandín

CARBALLO

BASILIO BELLO

07 jul 2024 . Actualizado a las 19:17 h.

Din que non é como empeza, senón como acaba. O ano pasado caín no quilómetro tres. Foi un pau duro porque ía con moitas ganas de competir contra min e dar o mellor. Pero remontar foi moi difícil. Este ano, tras unha operación, o meu obxectivo era ir no pelotón para aforrar forzas. E fun pinchar no quilómetro dez. Sabía que tiña ata Esteiro para recuperar, pero perdín moito tempo e tiven que cambiar a estratexia, apretando ata coller ao grupo e cunha nova roda que me dou bastantes problemas, sobre todo cos freos, que tiña que quitalos nas costas arriba e axustalos para abaixo. Na primeira subida, en Esteiro paseino mal e cheguei a pensar que non ía poder rematar porque saltábame o cambio continuamente, o que me obrigou a facela en marchas máis duras e traballei moito en forza.

Pero os quilómetros foron pasando e atopeime ben, mentalmente sobre todo, o que me deixa bastante contento. Veño dunha lesión pola que non sabía se ía poder chegar a este momento e fun capaz de completala. Non sei nin o tempo que fixen, pero moi contento.

En canto ao percorrido, é evidente que o mirador do Ézaro é o peor porque xa se che mete ata o medo mental antes de afrontalo. Máis alá diso, supoño que os que máis e os que menos sufrirían tamén a carga muscular a partir do quilómetro 70. Eu fun ben ata o 90 e aí comezaron algúns pequenos calambres que che poñen en alerta. Iso fíxome rebaixar o ritmo na baixada de Gures, a última antes de chegar a O Ézaro. Fixen ben, porque antes de iniciar o ascenso a meta había unha boa nómina de corredores acalambrados, xente parada, ou camiñando. Tamén foi dura a subida a Ruña, pero o certo é que se hai un día ideal para saír en bicicleta foi o deste Gran Fondo: sen vento e cunha temperatura agradable.