Tanta cousa irremediable

Natalia Lema Otero

CARBALLO

22 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estou farta de escoitar sobre a intelixencia artificial. Parecese algo doutro mundo, irremediable, mesmo unha panacea boísima ou o avance do século. Eu non vexo nada que non fose posible xa antes, a excepción da apropiación dos dereitos de autor universais para uso partidario e funesto. Non lle vexo as utilidades, nin o valor engadido, paréceme máis unha elaboración cutre e pouco útil. Tanto alboroto xa pasou cas crises dos ordenadores no ano 2000, co nacemento de internet ou outros. Dende logo eran fitos máis importantes.

A min, persoalmente, estame dando envexa a xente que non ten WhatsApp a día de hoxe. Parécenme auténticos superviventes ao seren discriminados por bichos raros nun mundo de convencionalismos. Que tranquilidade debe ser non estar sempre pendente do móbil, do que apenas facemos chamadas, pero si ducias e ducias de mensaxes. Esa intranquilidade constante de que quizais a mensaxe se malinterprete ou o nerviosismo cando vemos que o noso interlocutor está en liña ou escribindo. Un sistema que nos causa ansiedade, medos, inseguridades, alerta constante.

Eu este verán teño un propósito: ler máis e estar menos pendente do móbil. Mirar máis o ceo e menos as pantallas. Fiarme máis das fontes fiables e non recorrer a ChatGPT, nin trapalladas desas. Non sei, vivir. Ás veces, parece que vivimos máis no plano virtual ca no real. Se cuantificásemos canto tempo pasamos nas pantallas veríamos canta vida se nos escapa coma areas entre os dedos. Carpe diem. Vivir o momento, pero sen intelixencias artificiais nin intermediarios. Que vida non sabemos se a hai en Plutón ou noutra galaxia, pero estaría ben polo menos gozar da nosa de primeira man.