Hai tantos pseudodeportes como hábitos adquiridos. A min gústame ler as recensións, esas críticas construtivas, ou non, que emerxen do Google Maps. Aquelas que por veces parecen uns alicerces de retranca e segundas, de xenreira e vinganza. Esas que son susceptibles de respostas por parte dos donos dos negocios, onde o inxenio e a oratoria priman.
Esta semana puxen a miña primeira opinión negativa. Impulsada por un trato ao meu parecer inxusto, dei por pulsar unha estrela solitaria, sen dar máis explicacións. Pareceume sempre este tema das opinións algo un tanto covarde, iso de tirar a pedra e esconder a man. Son das que pensa que para loitar contra as inxustizas hai que alzar a voz no momento, non optar por medios anónimos ou de pouco rigor. Non obstante, semellaba esta opción un bálsamo para o malestar que cultivou en min o servizo mal prestado. Cando superas un número determinado de opinións, ás veces Google mándache un par de calcetíns promocionais á casa. A min, co que me custou poñer unha opinión negativa, xa me podían encher un caixón triplo. Para todo hai que valer, xa o din os vellos de antano. Namentres en París se emulan as grandes disciplinas gregas de palestra, eu son máis das novas batallas virtuais. Do escarnio público que emerxe das redes, conexións onde unha pantalla nos fai vulnerables, onde se insulta, onde non hai leis reguladas que nos afasten de delitos de odio. Onde facer dano incluso resulta factible e gratuíto. Onde xente coma min incluso sente remorsos por poñer unha crítica tan leve e pouco funesta. Dígolles eu, queridos lectores, que para ser malos incluso hai que valer, que é algo intrínseco en nós mesmos.