Viaxe aos tempos máis sanguentos e máis produtivos da historia de Europa

Xosé Ameixeiras
a. lavandeira BERLÍN

CARBALLO

A. LAVANDEIRA

O Semescom desenvolve un percorrido polo norte de Alemaña e as cidades da Liga Hanseática

24 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Quizais volvamos a tropezar, pero alí onde me abandonastes non volverás atoparme». Esta frase é de Bertolt Brecht, nome que leva a praza onde está o hotel Leonardo de Berlín, no que os viaxeiros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) pasaron o luns a primeira noite do seu percorrido polo norte de Alemaña e as cidades da Liga Hanseática. O masterbús da entidade iniciou na cidade que emerxeu dos bosques da historia a súa traxectoria pola que foi un fenómeno comercial de gran transcendencia no pasado de Europa.

A ruta comezou en Postdam. Unha minuciosa camiñada pola cidade tivo o seu centro principal no Parque Sanssouci, que foi declarado Patrimonio da Humanidade e que está considerado como o Versalles xermano. Nel hai un muíño de vento do século XVIII polo o que o seu propietario tivo un pleito co monarca prusiano e gañoullo porque os xuíces mantivéronse firmes baixo o argumento de que nos tribunais han de falar as leis e calar os reis.

Na praza Bertolt Brecht de Berlín hai unha escultura do poeta e dramaturgo e moi preto está a que foi a súa casa. Na capital xermana, os expedicionarios do Semescom pasaron dúas xornadas. O martes fixeron un detido percorrido guiado pola palentina Cristina González, que foi debullando rúa a rúa a transformación da cidade a causa do réxime nazi e da división trala Segunda Guerra Mundial.

Iniciou a súa explicación no Palacio das Bágoas, lugar fronteirizo entre a Alemaña do Leste, baixo o réxime comunista, e República Federal Alemá. Resaltou a importancia histórica e simbólica da Porta de Brandenburgo, onde no seu momento quedaron apostados os tanques rusos e americanos, fronte a fronte. A guía foi profundando nos acontecementos históricos e como se reflectiron no Berlín actual. Xa que logo houbo paradas e explicacións diante dos restos do que foi o Muro que separou á cidade durante a Guerra Fría.

Moitos dos participantes na viaxe do Semescom subiron á cúpula do Parlamento, rehabilitado por Norman Foster de acordo cun proxecto no que se reflicte a transparencia, ata o punto de que o pobo pode subir ao máis alto e debaixo están os seus representantes. 

Memorial do Holocausto

Ademais de visitar os museos, o Memorial do Holocausto foi outro punto de atención, entre outros moitos, como un percorrido en barco polo río Spree. Destacaron os visitantes a importancia que lle dan na capital xermana á presenza de árbores. De feito está rodeada de bosques. Diante da Praza Bebel, onde os nazis iniciaron a queima de libros, Cristina González lembrou a frase premonitoria de Henrich Heine que máis dun século antes dicía que «aí onde se queiman libros acaban queimando seres humanos».

A viaxe do Semescom está dirixida polo seu presidente Xosé María Lema, quen tamén aporta os datos históricos, mentres que a organización e a guía corre a cargo de Chus Barbeira, e Pablo Bustelo, de Compostela Bus, é o responsable da viaxe, ao tempo que o cadro sanitario corresponde a Xan Fernández Garrido.

Mentres que o autobús fai quilómetros sucédense as achegas científicas e culturais. Á marxe das introducións de cuestións de historia e arte por parte de Lema Suárez, xa interviron o profesor carballés Antón Losada, quen fixo unha inmersión na xeografía dos territorios a percorrer: unha planicie con ríos moi caudalosos. É esta unha terra modelada por glaciares. As linguas de xeo deixaron mareas de grava e area. Son terreos probes, en xeral. Carballos, bidueiros ou faias son as principais árbores de seu.

Na viaxe cara Stralsund, Lema Suárez explicou a historia da Liga Hanseática, que se mantivo activa entre os séculos XIII e XV. Foi unha especie de mercado común de varias cidades medievais, varias delas incluídas no itinerario. Aínda actualmente se fala da súa resurreción.

Continuou nesta sucesións de intervencións do masterbus Xela Cid, que converteu a súa disertación na recreación da visión dunha aguia real sobre o Berlín e demais lugares do percorrido. Resaltou a presenza dos bosques na capital alemá. Unha cidade que vive a outro ritmo porque está deseñada para o goce humano. O sangue da historia deixou unha urbe na que se pode vivir con liberdade, con 600 quilómetros de carrís bici e 25 de sendeiros, tres millóns de bicicletas y só un millón de autos e máis de 500.000 árbores.

Pola súa banda, Rosa García Vilariño falou de Margot Sponer, unha muller alemá que en 1935 leu a súa tese sobre Documentos Antigos de Galicia. Foi unha das pioneiras dos estudos galegos no mundo. Esta lingüista foi profesora da Universidade Humboldt de Berlín e mantivo unha estreita relación cos membros da Xeración Nós, especialmente con Vicente Risco. En 1926 estivo en terras galegas, que percorreu a cabalo. A súa presenza foi obxecto de reseñas na prensa local da época. Foi depurada polo réxime nazi no 1942. No ano 45, recibiu a visita da Gestapo no seu domicilio e nunca máis se volveu a saber dela.

García Vilariño tamén comentou as visitas que persoeiros da cultura galega fixeron a Alemaña naquel tempo. Algúns deles foron Vicente Risco, Lois Tobío ou José Canedo e o mesmo Castelao, este en 1921.

Xosé María Lema completou esta información con outros alemáns que tamén traballaron pola lingua galega, como Dieter Kremer, que actualmente é membro correspondente da Real Academia Galega.

A parada en Stralsund (na beira do Báltico), patrimonio da Unesco polo recoñecemento á súa boa reconstrución trala destrución da Segunda Guerra Mundial, deixou moita satisfacción entre os viaxeiros, ao igual que a estancia en Rostock, a cidade onde os nazis estableceron a fabricación de avións militares. O seu casco antigo, rodeado por parte da súa muralla, fai agradecida a visita. Algúns incluso subiron a torre da igrexa de San Pedro.

A viaxe rematará o día 27 despois deste intenso mergullo no pasado da Liga Hanseática, a comunidade económica europea do Medievo.