Fillas de Cassandra: «Nos nosos concertos báilase de todo e para todas as idades»
CARBALLO
A remollo | Máis alá de actuar no Couto ou en Carballo, no caso de Sara Faro desfrutou da praia do Lago, en Muxía
04 dic 2024 . Actualizado a las 18:48 h.Son unha das formacións en auxe do actual panorama de música en galego con raíces no mundo tradicional. O seu tema Tataravoa podería considerarse como unha das cancións de verán. Ou un himno. Detrás de Fillas de Cassandra están María SOA e Sara Faro, que onte mesmo actuaron nas Festiletras do Couto, e xa antes, en xullo, no Verán Cultural de Carballo. Este ano lanzaron o sinxelo Quen é a que canta?, coas Tanxugueiras.
—Quen é a que canta?
—Esta canción foi moi emocionante, pensar na composición, porque de xeito individual, todas pensabamos en estar formando parte de concertos.
—Non paran, de xira por toda Galicia!
—Este ano está sendo chulísimo. E non só por Galicia, incluso fóra da Península ibérica.
—A onde foron?
—A Marrocos. Unha experiencia incriblemente ben, moi emocionante. Atopamos diversidade de públicos e reaccións moi diferentes, todas positivas. Foi un antes e un despois nas nosas vidas.
—Se miran atrás, como xurdiu todo isto?
—Fará agora cousa de tres anos. Coñecémonos nunha manifestación feminista, para a que nos chamaron de xeito individual. Reunímonos para facer unha canción xuntas, e aí comezou todo. Incrible.
—Dende o primeiro momento tiveron claro que querían facer este estilo?
—Cando nos xuntamos, tiñamos ganas de facer moitas cousas. Tampouco foi a intención tomar un camiño ou outro. Foi o que saíu, e foron saíndo outras cousas pola música que consumimos e polo factor de xuntarnos. Temos moitas outras pensadas xa. Todas, para facer un show artístico.
—Eses tinguiduras tradicionais, propias, de reivindicar o noso, veñen do que escoitaron nas súas casas?
—Estiven metida en grupos tradicionais no meu barrio [di Sara]. E María, tamén toda a vida escoitou cantar na sobremesa moitas cancións tradicionais, que é algo que temos en común moita xente. Iso é o que nos permite conectar cun público tan diverso e interxeracional.
—Introducir a alguén nesta tradición sen ter ese pasado pode resultar complexo?
—Pensamos que as persoas que igual non tiveron a sorte de que estivera presente nas súas casas pero que se comezan a abrir a círculos, por exemplo, a través dun grupo coma nós, que recolle elementos, pero tamén propón outras cousas, como a mestura coa electrónica, se poden ir achegando a este estilo. Ao final, acabas nunha foliada non sabes moi ben como, e sacando uns puntos. Iso está moi guai.
—Fillas de Cassandra nace en Vigo. Outras formacións similares emerxeron en cidades, o cal tamén é interesante.
—Na actualidade, Vigo abreuse de novo ás foliadas con varias salas que as organizan con frecuencia. E nós estamos aprendendo a bailar [rin]. É incrible este movemento que rexurde agora.
—Báilase moito nos seus concertos?
—Báilase de todo e para todas as idades. Veñen nais e fillas xuntas, que se reúnen coas amigas e desfrutan.
—Son un dúo, pero o espectáculo leva moito máis.
—Quixemos apostar por unha equipa máis grande, e levamos a Tania Caamaño e a Marina Vidal, que son dúas musicazas, como parte da banda. E logo está todo o de atrás, que non se ve tanto como a técnica de luces, monitores, son... O que buscabamos coa xira do ano pasado e que este tivemos a oportunidade de levar a cabo con medios técnicos e económicos.
—Gústalles moito vir á Costa da Morte, terra sinalada na música tradicional galega?
—Eu apunto nunha libreta as anécdotas de cada concerto [di María]. Tania Caamaño é de aí, ademais. En Carballo foi moi chulo, veu moita xente. Eu fun ao ao Cámping Lago Mar de vacacións [di Sara]. Do mellor! En Muxía tocamos o ano pasado e tamén foi preciosísimo.
—Máis alá do profesional, María, vostede visitou algo esta zona?
—Realmente, non tanto. O que tamén me dá Fillas é que vou apuntado e, tan pronto poida, vou.
—E Sara, vostede estivo só en Merexo ou viu algo máis?
—Fomos coa furgoneta e quedamos alí porque o ambiente é tan chulo... A praia é unha pasada. Fan moitísimo para dinamizar a vila, xa non só o cámping. Estivemos pola zona.
—De onde vén o nome de Fillas de Cassandra?
—Do mito de Cassandra, que a condenaron a predicir o futuro eternamente, pero a non ser crida por ninguén. Fillas era un pouco importante para nós por poñerlle nome a todas as nosas antergas. E cando xuntamos Fillas de Cassandra, era o concepto perfecto para explicar, tamén, o que sentiamos como mulleres na sociedade actual.
MÁIS DE PRETO
—Cando foi a última vez que comeron sardiñas con cachelos?
—Hai apenas uns días [di unha delas].
—Onde está o Cemiterio dos Ingleses?
—Pasapalabra! [Rin]
—Onde desemboca o río da Europa continental en fervenza ao mar?
—No Ézaro! Estivemos por alí!
—Probaron os percebes do Roncudo?
—Por primeira vez, hai unha semana [di unha delas].
—E o longueirón de Fisterra?
—A verdade é que non.
—A quen corresponde a autoría do Himno de Galicia?
Témolo na cabeza, pero non nos sae.
—Bañáronse na Praia dos Cristais?
Faláronnos dela, de que é chulísima. A de cousas que temos por facer!
—Cal é a catedral do megalitismo galego?
—Imos dicir dúas opcións: o Dolmen de Dombate.
—É correcta.
—A outra era o Castro de Baroña, aínda que temos que dicir que para a primeira buscámolo [rin]. Pero pode que estivera algunha vez de pequena [di unha delas].