In memoriam | Escribe Iago Toba, alcalde de Muxía
14 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Tiña que ser e foi. Marchounos neste día tan simbólico. Manuel Liñeiro Lema, don Manuel, o cura de Muxía tanto tempo, non abandonaría nunca o barco polo que tanto loitou, que tanto protexeu e que tanto honrou. Mais que un barco, unha barca, A Barca de Muxía.
Foi capitán dun sinal de identidade de todo un pobo, de toda unha comarca, e sen complexo digo, de Galicia, e como bo capitán sería o último en abandonar o barco e así obrou.
Deixounos onte, un venres da Barca, cando daría comezo a Romaría da Barca, a súa romaría. Quizais, entre outras cousas, porque comprobou que o barco no que tanto traballou, que tantas alegrías lle deu e que tantos desgustos lle causou quedaba en boas mans. El era así, prudente, observador e intelixente.
Como alcalde, como muxián e sobre todo como devoto, quero darlle as grazas de corazón, pois por, principalmente, esas tres características, impediu que a nosa Virxe da Barca, a orixinal, a do século XV, non correse a mesma sorte que o retablo ou outros elementos do santuario no incendio, e hoxe a teñamos entre nós.
Váiase tranquilo e en paz, contento de ter o querer dun pobo e sabendo que seguiremos coidando do legado do que tantos e tantos anos fixo vostede de gardián.