Lúa de sangue

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Imagen del cielo afectado por el humo de los incendios de Portugal
Imagen del cielo afectado por el humo de los incendios de Portugal Adrián Baúlde

23 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Avó sempre dicía que os lumes poucas veces se prenden de maneira accidental. Falaba a súa experiencia no medio forestal, o saber da vida que procede da formación directa. Pasou moitos anos do seu traballo facendo cortalumes. Normalmente, son os propósitos partidarios os causantes das desfeitas todas. No 2006, Galicia sufriu unha gran vaga de lumes, aínda que poucos o recorden. Aquilo foi tremendo. Naquel entón, o fume estendíase pola costa de Abeleiroas e víase incluso dende a nosa casa. Á tardiña viña un cheiro a queimado, fortísimo. Galicia estaba de loito tal e como esta semana, salvando as diferenzas, o noso veciño Portugal. O que máis me sorprendeu destes últimos días foi precisamente como a natureza manifesta o poder da destrución en forma de beleza excelsa. Aquela que transmite forza e maxia. Unha lúa chea colorada e brillante. Un sol abrasador. O recordo fidedigno de que a centos de quilómetros estábase vivindo unha traxedia sen límites, con vidas perdidas e grandes danos materiais. O mundo tremía con Portugal e os socios estratéxicos como España, Marrocos e Italia lanzaron os seus efectivos nun exercicio de verdadeira solidariedade. A real, a que se vive nos malos momentos e nas grandes crises. O peor aínda non pasou. Agora queda a deforestación, a contaminación das augas, a perda de fauna, replantación e quizais replantexar o modelo de abandono forestal que prima nos seus territorios. Un exercicio de autocrítica onde deberíamos coller tamén ideas para modificar a concepción dos territorios, o aproveitamento das masas forestais e, por que non dicilo, proporcionar a volta aos orixes. A lúa tínguese de vermello e ensánchase mentres os nosos corazóns minguan por momentos.