Relevo

Natalia Lema Otero

CARBALLO

Francis Mascarenhas | REUTERS

21 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Curiosamente, estoume decatando de que a maioría de contas de Instagram de mozos de menos de dezaoito anos redirixen a outra secundaria do mesmo dono. A forma de relacionarse muda nunha brecha xeracional de apenas un lustro. Isto exemplifica como mudan as formas de relacionarse entre os máis novos. Na miña época adolescente existía Tuenti, hoxe en día é unha quimera. Seguramente, en cinco anos vista, as redes actuais quedarán obsoletas ou diminuídas por outras. O fragor da actualidade latente, supoño.

O que se podía pór de moda era falar galego en todas elas. Utilizalo como medio de vida, e é aí onde os creadores de contido conseguen moito máis que a Mesa pola Normalización Lingüística cás súas campañas.

O galego perde falantes, o galego non se utiliza para ámbitos formais como acontece co vasco ou co catalán. Iso é un feito contrastado. Tantos anos de falta de autoestima colectiva abocáronnos a unha situación de depreciación e perigo de extinción permanente. Quizais só precisamos pequenas decisións cotiás, tales como escribir esta columna na nosa fala ou mudar o castelán dun email por galego da nosa terra. Non importa se é galego da zona oriental, central ou occidental. O único galego que non vale é o que non se fala.

Curiosamente, e a pesares dos tráxicos resultados, a Costa da Morte é dos únicos lugares que ten mellores expectativas de supervivencia. Somos un almeiro de esperanza, que diría Manuel Rivas. Iso é grazas aos mozos, que ata nas súas redes sociais escriben os alcumes das súas casas con fachenda. Sen sabelo, son os últimos alicerces dunha lingua que esmorece por causas políticas, sociais e alleas ao amor que tantas e tantos lle profesamos.