Concha Blanco ensina a ler en galego dun xeito sinxelo

s. g. CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

«Leo con Leo, leo con Lía». Este é o título do novo traballo da escritora ceense, unha unidade didáctica

26 oct 2024 . Actualizado a las 00:59 h.

Leo con Leo, leo con Lía. Este é o título do novo traballo da escritora ceense Concha Blanco. Máis que un libro, que tamén, é unha unidade didáctica, unha serie de cadernos que amosan un xeito sinxelo de ensinar a ler, e sobre todo a ensinar a ler en galego. E, ademais, recomendado e adaptado para que o aproveiten aqueles que teñen máis dificultades: dende inmigrantes a afectados por algunha eiva que lles impide achegarse á comprensión lectora. E iso non é doado, porque hai que cumprir uns requisitos, que esta publicación si fai. De feito, está validado pola Asociación Arela de Santiago, e polo Centro Fogar María Inmaculada de Bañobre. E entrou na primeira convocatoria da Xunta para as publicacións desta categoría, que é a da chamada lectura fácil. Aí hai uns requisitos, uns mínimos, uns estándares. Unhas pautas que se regulan nunha norma europea de inclusión, denominada UNE 153101 EX.

E como chega Concha Blanco a facer algo así? Case de casualidade. Porque en realidade a autora non coñecía esas regras de lectura fácil. Foi creando esta publicación, nunca pensada para editar, para que a súa primeira neta, Ana, aprendese a ler en galego a canda ela. E logrouno. Iso foi hai xa anos, porque Ana (Aniña, como lle chama a avoa) ten xa once anos. A cousa quedou aí. Pasado un tempo, a filla de Concha, María, comentou a existencia desas unidades nunha feira do libro, pero dunha maneira informal. A editorial Bululú enterouse e interesouse, e pasoulle o traballo. Aí quedou.

Seguiu pasando o tempo e dende a editorial comunicáronlle que si, que ía adiante, que pasaba a selección da Xunta e que estaba feita a validación, aínda que houbo que adaptar algunhas cousas para respectar as normas (non hai maiúsculas que non sexa imprescindible, non hai subliñados nin abreviaturas, os trazos son limpos...). E agora xa está dispoñible, como cadernos, para todos os que queiran ensinar o galego, aínda que tamén hai algunhas palabras en castelán. «Pero eu quería que fose en galego», indica Concha. Familias, profesores e outros colectivos poden xa dispoñer dos textos. A mecánica é sinxela, cunha persoa que se encarga de guía e outra persoa que se vai adentrando na lingua, traballándoa. E coa sensación de que se pode e se sabe ler dende o principio. Así lle pasaba a Ana, que xa dende o primeiro momento sentía que sabía e quería ler, con exercicios de comprensión a través dun conto, e tamén aprende cousas como a historia do galego, por exemplo.

Ana aprendeu así a ler en galego, e tamén Mariña, a segunda neta. Agora xa está aberta a posibilidade de que a lista sexa máis grande.