Giséle Pelicot dixo unha das frases que concorrerá como unha das máis potentes do feminismo do noso século: a vergoña debe cambiar de bando. Concisa e belixerante, incide na realidade das vítimas de abuso sexual. A vergoña é un dos principais motivos polos que non se denuncia, a presión social, a inquisición moral que se exerce contra aquelas que contan a súa historia. Creo que os últimos acontecementos afondan nunha realidade imperante, os acosadores e os violadores non son monstros que se oculten nas sombras e que nos asalten de imprevisto entre a escuridade. Camiñan ao noso lado pola rúa, a miúdo son pais de familia, figuras públicas, recoñecidos veciños. Dicía curiosamente Pablo Iglesias que Errejón non era así antes. A min sooume á típica frase que di un veciño cando o entrevistan despois dun feminicidio no seu barrio. Parecía bo, era boa persoa, non sei que puido pasar para que reaccionase así. Cómpre que empecemos a sinalar como sociedade aos individuos que son un perigo para as mulleres, que promulgan discursos feministas cando nas súas casas maltratan e denostan ás mulleres.
Curiosamente, deberíamos pensar na valentía de persoas que abriron camiños. Seguramente, a vítima da Manada perdeu máis do que gañou denunciando. Non obstante, fixo que a súa valentía evitase que outra muller se enfrontase a cinco depredadores sexuais que hoxe en día seguirían pola rúa. A cultura da violación está estreitamente arraigada na nosa sociedade. O gran avance feminista do noso século non vai ser o sufraxio universal nin outros dereitos xa adquiridos. Será saír á palestra e facer posible que a vergoña aniñe nos corazóns dos verdugos, cambiando de bando.