Bieito Romero: «Non hai disco de Luar na Lubre no que non haxa referencias á Costa da Morte»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A música, a historia e a iconografía desta comarca chegou mesmo ata Kazhakhstán. Esta tarde, Romero recibirá de mans da CMAT o premio de Embaixador da Costa da Morte

12 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O pazo de Trasariz, en Vimianzo, acollerá esta tarde a cuarta edición do Encontro de Turismo da Costa da Morte, unha velada na que representantes dos sectores privado e público compartirán experiencias e estratexias para a potenciación turística da comarca. Promove a CMAT, que preside o alcalde zasense Manuel Muíño, e un dos momentos máis destacados do acto será o nomeamento de Bieito Romero, membro fundador do grupo Luar na Lubre, como Embaixador da Costa da Morte. Con forte vinculación coa comarca, tanto persoal como musical, así valorou a boa nova en Radio Voz Bergantiños:

—A relación da banda coa Costa da Morte queda patente en temas como «Mártiros e o Vákner», referencia clara a Dumbría.

—É unha máis das moitísimas cancións que temos con referencias á Costa da Morte na nosa discografía. Onte [polo domingo] estaba mesmamente facendo unha escolma e creo que non hai ningún disco de Luar na Lubre no que non haxa unha referencia a esa comarca marabillosa, ou mesmo varias. E acabamos de editar o noso vixésimo traballo.

—Sería quen de elixir unha?

—Iso é como cando che preguntan que fillo prefires [ri], hai moitas. Quizais a máis popular, ou a que máis transcendencia tivo, foi Camariñas, que a gravamos no noso 15 aniversario e desa versión fixéronse despois moitas outras.

—Esa relación coa comarca agroma tamén nos seus compoñentes. A vimiancesa Irma Macías foi durante anos a súa cantante, por xemplo.

—Un dos históricos é o noso frautista, Xan Cerqueiro, que el e a súa familia son de Carballo. Despois tamén pasou Antía Ameixeiras, violinista, ou máis recentemente Irma Macías, que foi a nosa cantante ata hai pouco. Eu veño da provincia da Ourense, pero vivo en Arteixo, aí onde a Rede Natura marca o inicio da Costa da Morte, e teño unha fonda relación con esa zona.

—Como soubo, e como recibiu, este recoñecemento?

—Pois díxomo Pepe Formoso, un bo amigo meu. Para min foi emocionante, polo vínculo que teño con esa comarca e coa súa xente. Unha honra, e ao mesmo tempo unha responsabilidade. O certo é que algo así nunca se me pasou pola cabeza, se ben é certo que seguramente sexamos o grupo galego que máis referencias temos á Costa da Morte.

—Son embaixadores desta terra non só a través da súa música, senón tamén do seu discurso.

—Por suposto. Fíxate, levamos máis de 2.500 concertos feitos por todo o mundo, en máis de corenta países, e acabamos de chegar de Kazhakhstán, onde enchemos o teatro de Almatý. Para nós foi un momento importante, e por suposto levamos ata alí moitas referencias á Costa da Morte, pois hai varios temas no noso repertorio relativos a esa zona.

—Como ve o sector musical desta zona?

—Pois vexo un panorama moi semellante ao do resto do país: unha emerxencia de bandas moi interesante froito do traballo feito durante moitos anos. A colleita do que anteriormente se sementou. A Costa da Morte é unha comarca que ten unha riqueza musical moi grande, con características propias, e hai bandas que o están facendo moi ben e o outras que irán saíndo.

—Para cando unha colaboración con algún artista ou grupo de aquí?

—[As colaboracións con outros artistas] é algo que nos caracteriza e sempre estamos abertos a esa opción. Ademais, a situación na que imos estar a partir de mañá [por hoxe, como embaixadores desta comarca], achegaranos aínda un pouquiño máis.

—Como se lles presenta o calendario de actuacións?

—Pois despois de recibir este nomeamento da CMAT marcharemos cara San Martín de Valdeiglesias, en Madrid, onde teremos concerto o venres. O 16 farannos unha homenaxe dende a banda de gaitas Airiños de Fene, que cada ano elixe un artista distinto; o domingo tocaremos no teatro Cervantes de Valladolid, e xa en decembro temos prevista unha actuación en Ávila. A verdade é que se presenta un ano bonito, no que comezaremos a preparar xa o 40 aniversario e a perfilar un novo traballo discográfico.