Presentación de «Catro relatos curtos de DEUS», de Xesús Deus Gende, en Carballo

Santi Pazos

CARBALLO

BASILIO BELLO

O atrevemento de DEUS de contarse e contarnos: escribe Santi Pazos sobre a posta de longo en Espiral Maior Foro

12 nov 2024 . Actualizado a las 10:07 h.

No verán do 2018 [...] organicei un debate sobre un tema que naquel momento me preocupaba intelectualmente. A cuestión era confrontar textos, contextos e estilos para sopesar a súa importancia na obra literaria.

Dito debate partía de tres preguntas: é imprescindible facer unha viaxe como a do Ulises de Homero para considerar que a vida propia ten interese para crear unha obra literaria? Non pensan que o outro Ulises, o de Joyce, en certos aspectos vive unha realidade bastante máis vulgar que a maioría de nós? Será, entón, que o cotián pasa a ser excepcional cando se conta cun estilo elaborado, sofisticado e cultivado?

En realidade, a resposta a esas tres preguntas podería ser tanto afirmativa como negativa. Non recordo agora a conclusión xeral, pero as miñas estaban claras: toda vida é digna de ser contada, cada vida é unha Odisea en sí mesma e axustar contas cun mesmo tamén se pode facer en silencio. E a conclusión máis importante para min era que tiña gozado de tantas vidas alleas a través da lectura que, con maior ou menor calidade de estilo e mestría, non podía considerar ningunha innecesaria.

No fondo, eu, que nunca escribirei a miña biografía [...] teño envexa desa ousadía de abrirse en canal e contar con detalle o que aconteceu no azaroso viaxe que nos toca percorrer, xa sexa por decisión propia ou porque as circunstancias e DEUS decidisen por nós. E digo DEUS, en maiúsculas, non por crente, senón porque o autor deste libro de relatos xoga en moitos momentos con esa dobrez que lle permite o compartir apelido co nome do suposto gran creador do ceo e da terra.

Un libro que se divide en dúas partes, unha primeira autobiográfica e outra que consiste en tres relatos curtos que complementan esas vivencias, inquedanzas e valores humanos, sociais e políticos que o autor consideran que forman parte da súa personalidade, aínda que os presente como ficción.

Nesa primeira parte, Xesús fala con respecto e devoción dos seus devanceiros e tamén de como intentou sempre compensalos polo que fixeron por el. Di que sempre foi unha persoa de corazón nobre que se fixo a si mesma traballando, sen medo, xa que tal palabra non forma parte do seu vocabulario. Emprendedor en mil liortas, tanto profesionais, como sentimentais ou de compromiso político.

E ante os atrancos que xurdían, di que «tocaba asimilar e tirar para adiante, xa que o reloxo non paraba» [...], e que «cada quen queda retratado no tempo». Podemos pensar que é compracente consigo mesmo, e que quizais nalgún momento o sexa. Os lectores que o coñezan xa xulgarán pola súa conta. Eu penso que non tivo tempo para edulcorar o relato vital. Escribe como con présa para non esquecer nada do que quere contar [...].

Neses outros tres relatos, fabula sobre todos eses temas que lle preocuparon sempre, e contra os que loitou e segue a loitar para que sexan arranxados: a emigración forzosa, a explotación, a ignorancia, o bullying, o pacifismo, o feminismo, a crenza de que con esforzo e bos sentimentos creceremos mellor, e tantos outros dilemas que non vou destripar para non quitarlle ese punto de suspense que se esconde en cada páxina dun libro.

Finalmente, felicitar a DEUS polo atrevemento de contarse e contarnos, e para que siga perseverando, como sempre fixo, na súa capacidade para transmitirnos esa idea de que as viaxes sempre axudan a superarse.