É unha verdadeira honra para min estar hoxe aquí, no IV Encontro de Turismo da Costa da Morte, para compartir con todos vós a nosa paixón por esta terra, un lugar único, cheo de historia, beleza natural e unha identidade que nos define e nos une. Cada un dos nosos municipios é un claro exemplo de todo o que representa a Costa da Morte: un territorio que respira cultura, tradición e natureza en cada recuncho.
Hoxe reunímonos para reflexionar sobre o futuro da nosa comarca e a súa proxección turística. Pero non esquezamos que o futuro debe construírse sobre as bases sólidas do que somos: unha rexión que valora o seu patrimonio cultural, que defende a súa contorna natural e que traballa para ofrecer experiencias de calidade a quen nos visita. Neste sentido, quero resaltar a enorme riqueza que a Costa da Morte ten para ofrecer, non só desde un punto de vista paisaxístico, senón tamén desde a perspectiva das actividades que podemos ofrecer a quen elixe visitarnos. Desde o sendeirismo nos nosos fermosos camiños de Santiago ata os roteiros de turismo activo, pasando pola rica gastronomía que, como ben sabedes, convértenos nunha das mellores mesas de España. Pero, sobre todo, diferéncianos a nosa xente: a calor humana, a acollida amable e a hospitalidade coa que sentimos orgullosos de recibir a todos os nosos visitantes.
A Costa da Morte non é só un destino turístico, é unha vivencia, unha experiencia única que convida a ser vivida cos cinco sentidos. É un lugar que deixa pegada en quen o visita, e, por suposto, en quen teña a fortuna de vivir aquí. Somos afortunados e afortunadas.
Este compromiso por ofrecer experiencias únicas é mérito, en boa parte, da CMAT. Unha entidade á que quero referirme para agradecer persoalmente todo o seu labor.
A dedicación e compromiso son fundamentais para posicionar a Costa da Morte coma o que é, un destino de referencia. Grazas ao esforzo e visión este anaquiño da nosa terra deuse a coñecer e creceu considerablemente en recoñecemento.
Co voso traballo e, sobre todo, o amor que compartimos cara a este territorio, consolidan o seu lugar no mapa e permiten que miles de persoas cheguen cada ano para descubrir a súa incalculable riqueza.
Grazas a vós, tamén, temos hoxe, neste encontro, a oportunidade de compartir ideas, proxectos e visións que poidan axudarnos a seguir avanzando na mesma dirección. A cooperación entre institucións, empresas e a sociedade civil é chave para acadar este obxectivo.
* Extracto da intervención de Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, no IV Encontro da CMAT