O Abaladoiro | O grupo teatral As avoas de Laxe está representando «O meu camiño» por varios institutos con motivo do 25N
27 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Unha ampla maioría feminina, con tan só dous actores, integra o elenco do grupo teatral As avoas de Laxe, que estes días está de xira por centros educativos da bisbarra cunha obra na que, a través de seis pezas breves, denuncian actitudes machistas da vida cotiá. Moito humor e retranca aderezan O meu camiño, que fixo rir aos estudantes do IES Maximino Romero de Lema de Baio, pero que tamén os convidou a reflexionar sobre que se pode facer para conseguir unha sociedade máis igualitaria.
Dirixidas por Matilde Montáns e Loli Toja, esta última autora tamén do texto orixinal da obra, as actrices pasarán o venres polo IES Eduardo Pondal de Ponteceso no marco da programación que este centro deseñou co gallo do 25N. O pasado luns alumnos de ESO e FP fixeron un tendal con camisetas nas que plasmaron mensaxes contra a violencia machista e tamén actuou a ex alumna Clara Amado.