Xan Fraga, «Sempre en Galiza», teatro, Abril e algunha cita máis na Costa da Morte
CARBALLO
Axenda | Vén apretado este venres 29 de novembro, particularmente na localidade de Carballo
29 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ademais das citas literarias previstas para hoxe —ver esta información—, moitas outras propostas na axenda deste 29 de novembro na Costa da Morte:
Carballo • Concerto de Abril • A asociación Lumieira promoveu para hoxe un concerto a cargo do grupo Abril, un dúo formado por Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz). Melodías tradicionais galegas e ibéricas adaptadas a sonoridades actuais. Teñen participado en destacados festivais e son autoras de temas como «Xota de Parada de Achas» ou «Frades». A proposta chega a Carballo no contexto do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Será na biblioteca Rego da Balsa, ás 20.30, con acceso libre e de balde.
Carballo • Charla de Xan Fraga • En tempo de efeméride, promove para esta tarde o Casino de Carballo unha conferencia a cargo do historiador e cronista local Xan Fraga: Cen anos de Bergantiños FC e Casino: dos felices anos 20 á desfeita dos 70. Será ás 20.00 horas, transitando así o urbanismo carballés do século XX e tamén os motivos para protexer o Casino.
Carballo • Arredor de «Sempre en Galiza» • Publicábase en Bos Aires no 1944 unha obra de referencia do pensamento político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Sempre en Galiza. Daquilo pasaron 80 anos e con motivo dese aniversario promove para hoxe a concellería de Normalización Lingüística un faladoiro entre xente moza: os cambios que se produciron e tamén os que non, sobre todo no eido da lingua. O encontro está aberto á libre participación, programado para as 18.30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Levará parello unha pequena mostra.
Carballo • Formación no polígono de Bértoa • A comunidade de propietarios do polígono promove para hoxe, ás 12.00 horas, una xornada que abordará a xestión da empresa familiar, en canto a patrimonio e a fiscalidade. Será no Centro de Promoción Económica, con inscrición no correo info@poligonodecarballo.com.
A Laracha • Teatro • Chegarán esta noite á súa fin os Venres Teatrais da Laracha. Esta última peza leva por título Neura, unha comedia «neurótico-festiva» da man da compañía De Ste Xeito Producións: 21.00 horas, Casa da Cultura, tamén con acceso de balde.
Malpica • Títeres • Avanza a 20.ª edición da Mostra de Teatro malpicá, hoxe con Pérez & Fernández. Traerán á localidade Nanai da China, para público familiar a partir de catro anos. Teatro de monicreques: 20.00 horas, no centro cívico.
Vimianzo • Proxección de cine • Más do Ciclo Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. ÁS 20.00 horas, na Casa da Cultura, poderán verse varias curtas de animación: Illa Cordura, In half, O monstro e a nena e To bird ot not to bird. Entrada libre e de balde.
Cerceda • Charla informativa • Tamén inxerida na programación do 25 de novembro, acolle o viveiro de empresas cercedense hoxe, ás 19.00, unha charla sobre agresións sexuais e violencia sexual.