Serán precisas moitas horas para atender todas as propostas que veñen por diante: ¡anote!
30 nov 2024 . Actualizado a las 12:26 h.Hoxe • Faltaranlle horas a este sábado para todo o que vén por diante na Costa da Morte. A destacar, isto que segue:
Cee • «As R(h)morosas» e baile • Soben ao escenario Marta Doviro, Ledicia Sola e Carmen Méndez, tres mulleres dando detalles da vida doutras mulleres, galegas senlleiras, a través da comedia. Fala, canto e baile a partir das 20.00 horas na Casa da Cultura, con entradas en ataquilla.com o ben na billeteira física: 12 euros. Tamén será tarde de baile no salón de actos, de 19.00 a 22.00 horas, con Martín Reimúndez.
Vimianzo • Presentación de «Diminuto planeta azul» • Tarde de presentación literaria en Vimianzo, dando continuidade á aposta polo starlight. Javier Ares, betanceiro, dará a coñecer a súa obra Diminuto planeta azul ás 19.00 na sala de conferencias da Casa da Cultura. Acceso libre.
Vimianzo • Teatro • Queda pouco para que finalice o programa cultural de outono. Polo de pronto, hoxe toca teatro coa compañía Malasombra e a súa peza Sós: 20.30 horas, con entradas a 5 euros en woutick.es ou ben na billeteira da Casa da Cultura, dende unha hora antes.
Berdillo (Carballo) • Obradoiro • Máis de cen nenos aprenderán a facer os seus adobíos de Nadal: é parte do Nadal Arumieiro de Arume de Berdillo. Cita ás 17.30 horas.
A Laracha • Ruta, cine e baile • Se o tempo non o impide, ruta polo castro de Montes Claros ás 11.00 horas. Inscricións en turismo@alaracha.gal. Volve o baile, doutro lado, ao centro sociocultural de Paiosaco: 18.00 horas. E na capital municipal, ás 21.00, peche do Ciclo Mestreo Mateo co visionado de Emoción, vida e teatro: acceso libre.
Zas • Foliada, baile, teatro • A primeira das citas será no centro sociocultural de Zas, con baile para maiores de 19.00 a 22.00. Ás 20.00 poderase ver no auditorio de Baio a obra Sen lingua, función para público adulto enmarcada no 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller. Ademais, a praza Jorge Mira acollerá das 20.00 en adiante a terceira foliada organizada por Adro.
Cabana • As Nosas Músicas • Festival con oito agrupacións da localidade: ás 18.00 horas, no auditorio municipal.
Zas • Acendido de luces en Brandomil • A partir das 19.00 horas, e ata con pregón, a cargo do alcalde, Manuel Muíño, e da veciña Noelia Santos. Ofrecerá unhas pezas O Son do Barriasón.
Cerceda • Acendido tamén de Nadal • O aceso das luces no caso cercedense farase hoxe ás 20.00 horas, mais xa antes, dende as 18.00, haberá chocolate con churros.
Corcubión • Acoso, diversidade e máis • Cita para a conciencia a de hoxe ás 12.00 horas na Casa da Cultura de Corcubión. Falará Silvia Rodríguez, terapeuta ocupacional, de acoso na diversidade. Guadalupe Vázquez sumará a súa máis recente obra, Alicia no labirinto das sombras, que aborda o acoso escola. O grupo Chan das Lamas, de Quilmas, ofrecerá unhas pezas.
Ponteceso • Ciclo de Teatro • Derradeira función desta xa 31.ª edición. A encargada de pechar o programa será Leti da Taberna, cómica e coñecida creadora de contidos. Trae a Ponteceso Enredadas: 22.00 horas, Edificio Escolas.
Ponteceso • Festival de outono • Organiza a asociación de veciños Os Seixos, no local social de Tella. Farán unha saída ao monte ás 10.00 e terán pola tarde unha charla micolóxica a cargo de Manuel Pose Carracedo (16.30), con novo libro. As obras executadas no local serán inauguradas con petiscos e música da man de Irma Macías e de Luís Pinto.
Estramil (A Laracha) • Magosto • Sexta edición, organizada pola asociación Fonte da Virxe. Churrasco, postre e castañas integrarán o menú das 15.00 en adiante. Antes, ás 13.30, terán vermú amenizado por Rocío Pérez, que tamén fará tardeo con DJ’s.
Muxía • «Bravú XXX» • Ás 20.00, no Salón do Voluntariado, proxección sobre os 30 anos do movemento musical.
Santa Comba • Conversa co Xesús Alonso Montero • Na libraría Ler, ás 12.30 horas. Alonso Montero leva a súa obra Palabras para o noso tempo.