O Nadal empezou por Cerceda e Brandomil

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

En ambas localidades quedaron acendidas as luces navideñas este sábado, e con variada actividade. Dentro das programacións de Nadal, os Bolechas pasarán este domingo por Fisterra e Cee 

30 nov 2024 . Actualizado a las 23:35 h.

Camariñas puxo toda da súa parte, pero aínda así non puido ser. Logo de que o temporal de vento do pasado domingo levase por diante a árbore de Nadal, traballouse a contrarreloxo para manter a data de acendido para este sábado mais non puido ser. De novo o mal templo obrigou ao Concello a decidir pospoñer o acto. Haberá próxima data, e será comunicada polas canles habituais, á maior brevidade. 

Si seguiron adiante en Brandomil (Zas) ou en Cerceda, onde igualmente estaban programados os acendidos de luces do Nadal, converténdose por tanto nos primeiros, ou dos primeiros, da Costa da Morte. Hai anos que o caso de Brandomil vén dando moito que falar como exemplo de Nadal sostible e feito man a man polos veciños. É ese un esforzo, «de unión e solidariedade», que quixo destacar o alcalde de Zas, Manuel Muíño, no intre de arranque. Un traballo «feito con cariño e amor» que amosa que, fóra da iniciativa municipal, tamén se poden facer moitas cousas. Muíño tivo ao seu lado, pronunciando igualmente palabras de benvidas ao Nadal, á veciña de Brandomil Noelia Santos. Remodelouse o muíño, subiron a catro as casas, fixeron medrar aínda máis a árbore —anda nos 10 metros—, loce unha belén noutro emprazamento... Consérvanse ademais os elementos que xa en anos pasado foron nutrindo este poboado froito do facer colectivo, como o tiovivo ou o tren.

BASILIO BELLO

Por outra banda, tanto no Campo da Feira da Silva como no de Cerceda se repartiron este sábado pola tarde as actividades previas á chegada da iluminación de Nadal. Colocación de abelorios na árbore, un chocolate quente e churros, panxoliñas, tradición de pandeireteiras das Encrobas e A Silva ou maxia acompañaron esa espera polas luces, que chegaron incluso, e xusto polo tempo, algo antes do previsto. O Nadal Arumieiro de Arume de Berdillo trouxo, doutro lado, alumeado a esta localidade carballesa, logo dun obradoiro con nenos e nenas.

Máis iluminación na comarca

Para esta vindeira semana hai xa anunciados varios acendidos, un deles o de Cee, que será o xoves 5 de decembro, ás 19.00 horas, na Praza 8 de marzo. Irá acompañado de inchables, xogos e animación de rúa, xa dende as 17.30 horas. O venres 6 fará o propio Laxe, unha benvida ao Nadal programada para as 19.00 horas na praza Ramón Juega que levará aparellada música, chocolate con churros, animación con bonecos e ata un canón de neve. Igualmente ás sete da tarde, pero o sábado 7 de decembro, será o acendido en Vimianzo, mentres que para o venres 13 quedará ese simbólico intre en Muxía (19.00).

Os Bolechas abren a programación navideña en Cee e Fisterra

Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, xunto co seu can Chispa, son os icónicos personaxes Os Bolechas. Este domingo 1 de decembro, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do programa FalaRedes 2024, chegarán a Cee co espectáculo Os Bolechas tocan nunha grande orquestra. Será ás 17.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura, unha sesión que servirá para dar por comezado o programa de Nadal presentado polo Concello. Toda unha experimentación cos instrumentos musicais e con novos ritmos que tamén haberá opción de ver, igualmente este domingo día 1, en Fisterra. De feito, madrugarán aínda máis para ir á fin do mundo, pois neste caso o espectáculo está programado para as 12.00, no salón de actos. Cita para público familiar que, como en Cee, dará por comezada a programación Nadal na fin da terra.